Galicia pide reforzar o papel rexional e local na construción europea

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

Rueda salienta a importancia de reforzar o papel das rexións e dos concellos na construción do proxecto europeo

21/10/2025 |

— Alerta sobre o risco dunha recentralización na xestión dos fondos e aposta por manter as políticas de cohesión que permitiron “mellorar os territorios”

— Sinala que o Camiño de Santiago representa mellor ca ningunha outra realidade o espírito europeo, unindo pobos e culturas a través do intercambio, o coñecemento e o entendemento mutuo

— O cumio concluirá coa aprobación da Declaración Galicia, na que as comunidades e os municipios españois reclaman un orzamento comunitario equilibrado e xusto coas rexións

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou hoxe en Santiago de Compostela a importancia de reforzar o papel das rexións e dos concellos na construción do proxecto europeo. “Queremos contribuír como ata agora a construír unha Unión Europea máis forte, cohesionada e, sobre todo, próxima nas súas decisións á cidadanía. Algo que aseguramos as rexións, as provincias e os municipios”, indicou.

Durante a súa intervención na reunión extraordinaria da delegación española do Comité Europeo das Rexións, Rueda incidiu no valor simbólico de celebrar este encontro en Galicia, subliñando o papel europeísta da Comunidade. Nesta liña, resaltou que o Camiño de Santiago representa mellor que ningunha outra realidade o espírito europeo: unha rede que, desde hai séculos, une pobos e culturas a través do intercambio, o coñecemento e o entendemento mutuo. “Os europeos levamos séculos comprendendo que o que nos une é moito máis que o que nos separa”, indicou.

Neste senso, lembrou que a esencia do proxecto europeo é precisamente a cooperación, que o Comité das Rexións encarna ao defender o principio de subsidiariedade e garantir que Europa sexa un proxecto das persoas, non só das institucións.

Rueda amosou o orgullo de Galicia por presidir actualmente a delegación española no Comité, unha responsabilidade que, segundo explicou, se asume coa vontade de contribuír a que España fale en Europa cunha voz plural, sólida e unida polo compromiso cos valores e o desenvolvemento comúns.

Alfonso Rueda: “Queremos contribuír como ata agora a construír unha Europa forte, cohesionada e próxima nas decisións á cidadanía”

O xefe do Executivo autonómico fixo referencia ao debate sobre o novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, sinalando a preocupación ante o risco de centralización que suporía a proposta da Comisión Europea de agrupar nun mesmo marco 14 fondos actuais. Considerou esencial manter a participación efectiva dos gobernos rexionais e locais no deseño e xestión das políticas europeas, lembrando que a cohesión territorial é o corazón da UE e non poder ser substituída nin diluída. Para Rueda é fundamental manter as políticas de cohesión “que tanto contribuíron a mellorar os territorios”.

Neste contexto, Rueda avanzou que a Declaración Galicia, que se aprobou neste encontro, será un documento clave para reafirmar o compromiso coa Europa das rexións e reclamar un orzamento comunitario ambicioso, equilibrado e xusto, que recoñeza o papel esencial das administracións territoriais na execucións das políticas da UE.

Descarga a Declaración Galicia aquí.

Máis información: Xunta de Galicia 

Detalles de contacto
María Sabarís