A partir de mañá ás 17.30 horas poderá desfrutarse de todo o que inclúe a carpa: inchables, gardería-ludoteca, obradoiros, circuíto de educación vial, dianas, futbolines, billares, discos, scape room, gafas virtuais e moito máis.
Marín, 18 decembro 2025
O Concello de Marín presenta unha completa programación para esta fin de semana na que o Nadal será un dos grandes protagonistas, coa inauguración da carpa ENGADO MARÍN como punto de partida, xunto con propostas culturais, solidarias, deportivas e festivas que se estenderán por toda a vila.
Programación de Nadal
A axenda arrinca este venres, 19 de decembro, coa apertura oficial da CARPA ENGADO MARÍN infantil e xuvenil, que terá lugar ás 17.30 horas no Parque Eguren. A inauguración contará coa actuación do Ballet de Galicia, dando así comezo a un espazo pensado para o lecer e a dinamización da infancia e da mocidade durante estas datas tan sinaladas. Poderá desfrutarse de todo o que inclúe a carpa: inchables, gardería-ludoteca, obradoiros, circuíto de educación vial, dianas, futbolines, billares, discos, scape room, gafas virtuais e moito máis.
Ese mesmo venres, ás 18.00 horas, celebrarase o Festival de Nadal da Escola Municipal de Música na Biblioteca, e ás 19.00 horas terá lugar a entrega de premios do Concurso de Contos e Postais de Nadal no local do Ateneo.
O domingo, 21 de decembro, o espírito do Nadal estenderase tamén a Seixo coa celebración do I Mercadiño de Nadal, que se desenvolverá na Praza de Abastos de Seixo. Ademais, ás 12.00 horas, Papá Noel percorrerá o centro de Marín coa tradicional Papanoelada moteira, organizada pola asociación Galicia Solidarios, achegando ilusión e solidariedade ás rúas da vila.
Outras actividades máis alá do Nadal
A programación complétase cunha ampla variedade de eventos deportivos, culturais e festivos. O sábado, 20 de decembro, ás 11.00 horas, o Pavillón da Raña acollerá o XII Festival de Inverno do Club In Mare. Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase a V Gala Benéfica “Fai realidade a súa ilusión”, organizada por Botón de Ancla, no Salón de Actos Illa de Tambo. Á mesma hora, haberá unha actividade de dinamización comercial co espectáculo “Romería”, a cargo de Raquel Queizás, organizada pola Asociación de Comerciantes C.C. Morrazo en colaboración co Concello de Marín.
As festas de Santo Tomé e San Roque tamén terán un papel destacado durante a fin de semana. O sábado, ás 21.00 horas, celebrarase unha Gran Verbena coa actuación da Orquestra Marbella e o Trío Tic Tac, e o domingo, ás 13.00 horas, terá lugar a misa e procesión na honra de Santo Tomé, acompañada pola Banda de Música de Vilaboa. A xornada dominical pecharase ás 21.00 horas cunha nova verbena amenizada polo DJ Víctor Kola.
No ámbito deportivo, durante o sábado e o domingo disputarase o Torneo de Baloncesto Veteranas Norteo no Pavillón SEI San Narciso, consolidando a aposta do Concello polo deporte en todas as idades.
Desde o Concello de Marín anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nesta intensa fin de semana de actividades, pensadas para gozar en comunidade e seguir facendo de Marín un referente de dinamización cultural e social.