Rueda defende en Bruxelas un novo marco financeiro descentralizado, que protexa o papel das rexións e manteña unha política de cohesión forte
04/03/2026 | Comité Europeo das Rexións
— O titular da Xunta participa no pleno do Comité Europeo das Rexións como presidente da delegación española
— Demanda financiamento suficiente para as rexións nos fondos de cohesión e o seu protagonismo no deseño e execución dos mesmos fronte á tentación de reducilos e recentralizalos
— Sinala que a nosa comunidade solicitará, cando remate o período de Galicia como responsable da delegación española no Comité Europeo das Rexións, unha reunión da Comisión Mixta de Congreso e Senado para deixar clara esta reivindicación común
Bruxelas, 4 de marzo de 2026. O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá á Comisión Europea, a necesidade de que o novo marco financeiro teña en conta o papel das rexións, aposte por unha xestión descentralizada dos fondos comunitarios e manteña unha política de cohesión forte no continente.
Rueda, como presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, mantivo unha reunión co resto de representantes nacionais e a presidenta do organismo, Kata Tüttő, co fin de fixar “unha postura común”. Nela, lembrou as demandas de España cara o novo modelo de financiamento, que xa foron recollidas na Declaración de Galicia aprobada o pasado mes de outubro.
O mandatario galego reiterou que “non pode rebaixarse como se pretende a cantidade dos fondos de cohesión”, demandando que a Unión Europea aposte por un financiamento suficiente. Ademais reclamou un maior peso dos territorios no deseño e xestión destes cartos fronte á “tentación de recentralizar”, afirmando que “non podemos ser simples espectadores do que fagan os gobernos”, pois iso é o que permite que os investimentos “sexan realmente transformadores e favorezan a cohesión”.
Rueda sinalou que isto será “o que pedirei que siga defendendo o Goberno de España” e que a nosa comunidade solicitará, cando remate o período de Galicia como responsable da delegación española no Comité Europeo das Rexións, unha reunión da Comisión Mixta de Congreso e Senado para que a defensa común do mantemento dos fondos e a súa xestión descentralizada “siga quedando clara”.
PAC e Política Pesqueira Común
O presidente da Xunta participará esta tarde nun debate no Comité Europeo das Rexións para abordar a reforma do modelo de financiamento.
Rueda defenderá ante o comisario de Orzamento, Antifraude e Administración Pública, Piotr Serafin, a importancia de dotar de máis fondos ás axudas destinadas a dous dos motores da economía galega: o agro e o mar. O presidente da Xunta lembrará que Galicia é a primeira rexión pesqueira da Unión Europea e reclamará un fondo específico e suficiente para facer fronte aos retos que se lle presentan ao sector. Do mesmo xeito, tal e como trasladou onte ao comisario de Agricultura e Gandaría, demandará unha PAC forte, con fondos diferenciados, enfoque rexional e menos burocracia.
Na segunda xornada do titular da Xunta en Bruxelas, Rueda tamén celebrou un encontro coa delegación española do Comité Europeo das Rexións.
Fonte: Xunta de Galicia