Rueda sitúa as rexións no centro do futuro de Europa - Fundación Galicia Europa

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

Rueda sitúa as rexións no centro do debate sobre o futuro de Europa tras 15 meses de liderado galego na delegación española do CdR

06/05/2026 |

— Subliña o fito de ter consensuado unha postura única entre as comunidades autónomas coa aprobación da ‘Declaración Galicia’ para que as rexións se anticipen ao debate orzamentario e defendan fondos adaptados ao reto demográfico

— Destaca a aposta por que o desenvolvemento rural post-2028 non se mida só pola densidade de poboación, senón que inclúa criterios que garantan a resiliencia e a remuda xeracional no campo galego

— Recalca que o futuro do medio rural está vencellado necesariamente a unha Política Agraria Común (PAC) forte, menos burocrática e cun marcado enfoque rexional

Bruxelas, 6 de maio de 2026. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe que o liderado galego na delegación española no Comité das Rexións (CdR) nos últimos meses permitiu que as comunidades autónomas e municipios non fosen meros espectadores, senón “proactivos”, situando os intereses territoriais no corazón da axenda de Bruxelas.

Así o destacou logo de manter un encontro coa delegación, que contou coa presenza da presidenta do CdR, Kata Tüttő, e do director xeral de Exteriores, Jesús Gamallo, e no que Rueda fixo hoxe balance dos 15 meses da presidencia galega, logo de asumir o liderado en febreiro de 2025 e encarar o último mes de mandato, xa que en xuño pasará a testemuña a Aragón tras o acordo alcanzado dentro desta delegación para o actual mandato do CdR 2025-2030.

Neste sentido, destacou como principal prioridade do mandato galego o deseño da Declaración Galicia, un documento de consenso da delegación adoptado en Santiago de Compostela que fixa a postura común das comunidades autónomas e entidades locais ante o futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP). Así, destacou que este posicionamento logrou que as rexións se sitúen no centro e mesmo se anticipen ao debate orzamentario, reclamando fondos adaptados aos novos retos demográficos e á autonomía estratéxica e unha política de cohesión forte. Unha postura á que tamén se uniu o Goberno de España, nesa estratexia de defensa do territorio.

Durante estes 15 meses, Galicia tamén apoiou diferentes ditames relacionados coa competitividade agrícola, a resiliencia hídrica, o turismo e a política de vivenda, entre outros. Rueda tamén puxo en valor a visibilidade acadada da delegación española dentro do Comité con fitos como a declaración conxunta con Portugal o pasado decembro, con motivo da sinatura do Tratado de Adhesión, ou a exposición fotográfica no edificio do CdR sobre o 40 aniversario da súa entrada en vigor, unha ferramenta que serviu para ilustrar como os fondos europeos transformaron Galicia e o resto de territorios.

Defensa do sector primario no 171º Pleno

Durante a súa participación no Pleno do Comité, Alfonso Rueda participou no ditame O futuro do desenvolvemento rural despois de 2028, onde defendeu a necesidade de situar este ámbito tamén no centro do vindeiro Marco e se adapten as políticas á diversidade territorial. O titular do Goberno galego insistiu en que o deseño das futuras estratexias e o financiamento “non deben basearse exclusivamente na densidade de poboación”, senón que deben incluír criterios como “a dispersión e o envellecemento” para garantir unha verificación rural real e eficaz.

Así mesmo, recalcou que o futuro do medio rural está vencellado necesariamente a “unha Política Agraria Común (PAC) forte”, menos burocrática e cun marcado enfoque rexional. Tras poñer en valor iniciativas autonómicas como a mobilización de terras e axudas á remuda xeracional, subliñou que “só un compromiso firme con financiamento garantido permitirá fixar poboación e converter o rural nun sector de oportunidades”.

Fonte: Xunta de Galicia

Coordonnées
María Sabarís