Rueda defende maior cogobernanza das rexións na xestión de fondos UE

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

— Reivindica a denominada Declaración Galicia, aprobada a finais de outubro en Santiago de Compostela e que reflicte a posición da delegación española ante a proposta do futuro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034

— Reclama un orzamento claro e diferenciado para cada rexión e tamén poder traballar con previsión con respecto a eses fondos europeos

— Considera insuficientes os montantes propostos para a Política Agraria Común (PAC) e a Política Pesqueira Común (PPC), ao tempo que amosa a súa preocupación pola desaparición dun fondo específico para a pesca e a acuicultura

Bruxelas, 10 de decembro de 2025. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá, na súa condición de presidente da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), unha maior cogobernanza das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos e máis recursos para o sector primario.

Así o destacou logo dunha reunión organizada polo Executivo galego entre os representantes españois tanto das comunidades autónomas como das entidades locais do CdR con eurodeputados españois e o embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, Marcos Alonso, “para poñer en común as intencións e o noso plantexamento” de cara á negociación que se está a producir do novo Marco Financieiro Plurianual 2028-2034.

Neste sentido, o presidente da Xunta reivindicou a denominada Declaración Galicia, aprobada a finais de outubro en Santiago de Compostela, que reflicte “o que entendemos dende o Comité das Rexións que debe ser tido en conta á hora de renegociar este futuro marco”.

O texto recolle a posición e demandas de comunidades autónomas e entes locais de España, baseadas nunha verdadeira gobernanza multinivel e en que non se reduzan os fondos xestionados de maneira compartida entre UE, Estado e rexións. Neste sentido, Rueda agradeceu a “unidade” amosada hoxe e desexou que, a pesar do “longo camiño que queda por diante, espero que se manteña esa unidade e que os asuntos que defendemos teñan éxito”.

Delegación española do Comité Europeo das rexións | © European Union / Emile Windal

Fondos europeos
Un deles é a reclamación dun orzamento claro e diferenciado para cada rexión, e tamén poder traballar con previsión con respecto a eses fondos europeos. “A política de cohesión ten que seguir sendo fundamental”, defendeu Rueda, ao tempo que instou a “saber as cantidades certas das que imos dispoñer porque non pode quedar a decisión de cada Estado o que vai repartir de fondos europeos entre as rexións e os concellos”.

Tamén en materia de fondos, o presidente da Xunta considerou insuficientes os montantes propostos para a Política Agraria Común (PAC) e a Política Pesqueira Común (PPC). No caso da PAC, ademais, rexeitou a nova estrutura proposta, que non garante os dous piares de financiamento diferenciado, un para axudas directas e outro para desenvolvemento rural, como existen na actualidade. “O sector primario ten que ser tomado moi en serio na nova negociación”, demandou Alfonso Rueda.

En relación co ámbito do mar, e como presidente “da primeira potencia pesqueira rexional da Unión Europea”, amosou a súa preocupación pola desaparición dun fondo específico para a pesca e a acuicultura, e asegurou que así a UE “compromete a soberanía alimentaria” á que debe aspirar a UE para non depender de países terceiros para a provisión de alimentos á cidadanía –debido a que implicaría abrir aínda máis a porta á importación de produtos extraídos e procesados en terceiros países, cunha normativa que non acada os estandares europeos en materia ambiental–.

Pleno do Comité das Rexións
Pola tarde, o titular do Executivo autonómico interveu no 169º Pleno do Comité Europeo das Rexións, onde aproveitou para chamar a atención sobre dúas cuestións con enorme peso actual e de futuro: a intelixencia artificial e as enerxías limpas.

Por unha banda, en canto á intelixencia artificial, resaltou o feito de que Galicia aprobou xa a primeira lei autonómica na materia, que garante un uso seguro e ético da IA; ou o feito de que a comunidade albergará unha factoría europea de IA -das 19 que hai en Europa-, o que a situará á vangarda e resultará un motor de innovación.

En canto ás enerxías limpas, Alfonso Rueda reivindicou o potencial extraordinario de Galicia en renovables debido a que, actualmente, máis do 84% da xeración eléctrica é limpa. Así mesmo, comprometeu a aposta da Xunta a proxectos estratéxicos, regulándoos ademais con iniciativas como a Lei de Recursos Naturais, que asegura que cada proxecto xere riqueza alí onde se implante, pois obriga a reservar o 50% da nova xeración renovable para a industria local. Con todo, reclamará tamén unhas mellores redes de transporte da enerxía.

Fonte: Xunta de Galicia

Coordonnées
María Sabarís