Rueda defende os intereses do agro galego en Bruxelas

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

Rueda defende os intereses do agro galego en Bruxelas ante os desafíos do acordo con Mercosur e da nova PAC

03/03/2026 |

— O presidente da Xunta mantivo unha reunión co comisario europeo de Agricultura e Alimentación, Christophe Hansen

— Demanda á Comisión Europea que se cumpra o Regulamento de salvagardas no acordo con Mercosur e que se intensifiquen os controis nas fronteiras

— Traslada a necesidade de que a PAC manteña axudas directas aos produtores, pero tamén achegas para promover o desenvolvemento do rural

Bruxelas, 3 de marzo de 2026. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión co comisario de Agricultura e Alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, ao que trasladou a posición da Xunta ante o escenario que abre para o agro galego o acordo comercial con Mercosur e a Política Agraria Común (PAC) dentro da negociación sobre o novo Marco Financeiro Plurianual 2028-34. “É unha gran oportunidade, porque agora mesmo é cando se está decidindo todo isto, creo que era o momento de vir plantexalo”, asegurou.

Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente lembrou que a agricultura e a gandería son actividades claves para a economía da comunidade e sitúan ao sector primario galego como un referente en todo o continente. Nesta liña, resaltou que Galicia é a principal rexión láctea de España e a novena de Europa -produce o 2,1% de todo o leite europeo-; xera o 1,5% da carne de vacún; conta cun importante sector vitivinícola -con cinco Denominacións de Orixe que exportan a todos os continentes-; e un sector agrícola puxante.

Neste sentido, Rueda demandou ao comisario, ante a entrada en vigor provisional do acordo comercial entre Mercosur e a UE, que se cumpra o Regulamento de salvagardas aprobado no Parlamento europeo en xaneiro e se intensifiquen os controis dos produtos importados nas fronteiras. “Quixemos volver insistir na necesidade dunha estrita observación de todas as cláusulas de salvagarda e as garantías que aseguren que a agricultura e a gandería galega non vaian sufrir ningún tipo de prexuízo”, afirmou o titular do Executivo galego.

O presidente insistiu en que isto pasa por “asegurar os controis en orixe e tamén en fronteira para garantir que nada que non cumpra os requisitos poida entrar”. Segundo explicou Rueda, o comisario comprometeuse a aumentar as inspeccións, aínda que lembrou que este tamén é un labor dos Estados membros: “as aduanas son nacionais e ten que haber un compromiso de todas as administracións. En Galicia colaboraremos con todos os esforzos a través das inspeccións de consumo e saúde pública”.

Perspectivas ante os cambios na PAC

Respecto á nova PAC, Rueda mostrouse prudente pero optimista xa que “o que nos transmitiu é que arredor do 95% dos fondos que recibiu España vanse manter, e o outro 5% é o que se está negociando”.

O presidente resaltou a importancia destas axudas para a modernización e a remuda xeracional, e invitou ao comisario a visitar Galicia para comprobalo sobre o terreo, invitación que Hansen aceptou. Así mesmo, Rueda defendeu que se manteña o sistema actual de xestión descentralizada dos fondos e garantindo que sexa homoxénea para todos os territorios. Así, puxo como exemplo a experiencia cos fondos Next Generation, salientando que mentres as autonomías alcanzaron unha execución práctica da totalidade dos recursos que se lles transferiron, a administración central deixou sen executar unha parte moi importante dos fondos que se reservou para a súa xestión directa.

Ademais, o titular da Xunta demandou que a PAC teña en conta a estrutura territorial agraria galega, onde abunda o minifundismo pero “non por iso son menos rendibles as parcelas e as explotacións”.

Dermatose nodular contaxiosa

Ademais, a xuntanza tamén serviu para tratar a situación sanitaria da cabana gandeira galega ante os focos de dermatose nodular contaxiosa. Alfonso Rueda reclamou ao comisario máis flexibilidade na súa abordaxe e a implicación da Comisión no desenvolvemento dunha vacina que poida administrarse de xeito preventivo, para así reducir o risco de aparición desta enfermidade nas explotacións de gando vacún.

Fonte: Xunta de Galicia

Coordonnées
María Sabarís