A Xunta expón en Bruxelas que o desleixo do Goberno central ao non traspor a directiva de renovables lastra o seu impulso e contribúe ao parón eólico
16/03/2026 | Comisión Europea
— A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva
— Ángeles Vázquez considera urxente que se incorpore ao ordenamento xurídico español o recoñecemento do interese público superior deste tipo de proxectos, clave para clarificar a situación xudicial e avanzar no eido da descarbonización
— Recorda que a non transposición da normativa europea xa provocou en 2024 que a Comisión Europea abrise un expediente sancionador a España
Bruxelas, 16 de marzo de 2026. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro coa comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva, Jessika Roswall, no que lamentou que o desleixo do Goberno central ao non traspoñer a directiva europea sobre enerxías renovables lastra o desenvolvemento destes proxectos en Galicia e contribúe ao parón no que está inmerso o sector eólico.
Nesta liña, a responsable autonómica considerou urxente que se incorpore ao ordenamento xurídico español o recoñecemento do interese público superior deste tipo de proxectos -tal como establece a normativa comunitaria- pois contribuiría a clarificar a situación xudicial e, ao mesmo tempo, a avanzar no cumprimento das metas fixadas no eido da descarbonización e loita contra o cambio climático.
Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta leva anos aplicando o interese público superior no impulso e implantación das enerxías renovables malia a inacción do Goberno central, ao que a Comisión Europea xa lle abriu un expediente en 2024 por non traspoñer en prazo a normativa europea. Ese procedemento, incidiu, pode rematar en sanción, prexudicando así ao conxunto da cidadanía española e galega.
A maiores, a conselleira trasladou a situación -insólita e única en Europa- que vive o sector eólico en Galicia polo parón xudicial, que lastra os avances da comunidade no eido da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro malia a aposta decidida da Xunta polas enerxías verdes e a despregadura das renovables.
A conselleira explicou que esta vontade firme de avanzar na descarbonización choca continuamente con resolucións da Xustiza galega que suspenden as autorizacións para o desenvolvemento de iniciativas eólicas, o que dificulta que o sector gañe presenza na comunidade e poida contribuír en maior medida á redución das emisións.
E é unha situación que se dá, lamentou, malia que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) avalou en agosto do ano pasado que a tramitación ambiental da Xunta deste tipo de proxectos é correcta ao tempo que hai varias sentenzas do Tribunal Supremo que revocan fallos previos de suspensión de parques emitidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A representante do Executivo autonómico lembrou que Galicia sempre foi unha rexión punteira na xeración de enerxía eólica e que o bloqueo actual está a provocar que perda posicións tanto a nivel nacional como europeo. Por iso, expuxo a necesidade de reverter a situación para avanzar no eido da descarbonización, reducir a dependencia enerxética do exterior e impulsar a xeración de emprego e riqueza no territorio.
Lei do Clima de Galicia
Nesta liña, explicoulle á comisaria que Galicia aprobou recentemente a Lei do Clima co obxectivo claro de chegar a 2030 cunha redución do 75% nas emisións de gases de efecto invernadoiro e cunha xeración eléctrica renovable do 85%. O fin último é acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes da meta marcada polo Executivo comunitario neste eido, pero estas cuestións dificultan o seu cumprimento.
De feito, se estiveran funcionando as máis de 90 instalacións eólicas afectadas por recursos xudiciais (cun investimento de arredor de 3.000 millóns de euros) evitaríase a emisión á atmosfera de arredor de 2,5 millóns de toneladas de dióxido de carbono anuais, un dato que dá conta da importancia que ten o desenvolvemento eólico para reducir os gases de efecto invernadoiro e avanzar na loita contra o quecemento global.
Ángeles Vázquez salientou que o compromiso da Xunta co medio ambiente é total, como demostra o feito de que só poidan instalarse parques eólicos no 22,5% do territorio galego. Ademais, as exixencias impostas ás empresas neste eido son tan altas que desde o ano 2020 obtiveron unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorable un total de 118 proxectos, mentres que outros 63 (un de cada tres) foron desfavorables.
Xestión do lobo
A conselleira e a comisaria tamén abordaron a xestión do lobo, un asunto no que a responsable autonómica acusou ao Goberno central de faltar á verdade na información que transmite a Bruxelas simplemente por motivos ideolóxicos.
Para desmontar esas mentiras entregoulle o borrador de informe sexenal sobre o estado de conservación da especie que foi aprobado na Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade a mediados de xullo do ano pasado. Ese documento recolle, de acordo coa información facilitada polas comunidades autónomas, que o estado de conservación do lobo en España é favorable.
Non obstante, o informe non foi remitido polo Goberno central a Bruxelas en tempo e forma -malia que podía facelo- porque o seu contido vai en contra da pretensión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de seguir mantendo a declaración da especie como vulnerable.
A responsable autonómica lamentou ante Jessika Roswall que, por iso, por motivos ideolóxicos totalmente arbitrarios, o Executivo central non convocou a Conferencia Sectorial correspondente para aprobar de xeito definitivo ese documento sexenal. E, pola contra, elaborou un informe propio que pretende xustificar que emprega os criterios de avaliación aprobados pola Comisión Europea cando realmente utiliza información subxectiva e contraria ás análises técnicas realizadas polas comunidades.
Ángeles Vázquez salienta ademais que o Goberno central mostrou o seu total abandono ao sector gandeiro fronte aos ataques do lobo coa decisión de destinar o ano pasado os 20 millóns de euros reservados para repartir entre as comunidades autónomas para previr e compensar os danos do lobo a apoios para o despregamento do coche eléctrico. De feito, lembrou, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico debe a Galicia 12 millóns de euros, correspondentes cos fondos dos anos 2022, 2023 e 2025.
En canto ás poboacións desta especie, segundo o censo desta especie elaborado pola Xunta en 2022, están conformadas por 93 mandas e a súa presenza esténdese en máis do 90% do territorio, polo que o seu estado de conservación é favorable.
Nos últimos dous anos (2024 e 2025) rexistrouse unha media de 2.019 avisos por ataques desta especie, o que supón un incremento do 72% en relación cos 1.174 do ano 2021, ano no que o Goberno central incluíu o lobo de forma arbitraria e unilateral no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Na mesma liña, as reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que implica unha suba do 55%. Isto equivale a que cada día son atacados polo lobo nove animais.
Fonte: Xunta de Galicia