— Innovación tecnolóxica que transforma a gandaría e mellora a calidade de vida no rural
Bruxelas, 2 de xuño de 2026. O proxecto Innogando foi recoñecido por Interreg Europe como exemplo de boas prácticas pola súa contribución á mellora da calidade de vida do sector gandeiro. A súa proposta aposta por un sistema agroalimentario máis sustentable, rendible e resiliente, no que a tradición se combina coa tecnoloxía para construír o futuro da gandaría.
Interreg Europe é un programa de cooperación interrexional que ten como obxectivo reducir as disparidades nos niveis de desenvolvemento, crecemento e calidade de vida entre as rexións europeas. A través do apoio aos gobernos locais, rexionais e nacionais, promove o deseño e a aplicación de mellores políticas públicas, ao tempo que fomenta o intercambio de solucións aos retos do desenvolvemento territorial. Actualmente, facilita a cooperación e a aprendizaxe entre rexións de 36 países europeos.
As leccións extraídas destas iniciativas contribúen á mellora das políticas rexionais e xeran un impacto económico, social e ambiental sustentable sobre o territorio, en beneficio das persoas e das comunidades.
Neste contexto, RuralYouthFuture, un dos proxectos de Interreg Europe, busca reforzar a eficacia das políticas de emprego xuvenil orientadas ao desenvolvemento rural. A iniciativa reúne entidades municipais, rexionais e nacionais co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas da mocidade nas zonas rurais.
As boas prácticas vinculadas a este proxecto constitúen un elemento clave para a posta en marcha de accións que fomenten o emprego xuvenil e o desenvolvemento de competencias. Presentada pola Fundación Galicia Europa, Innogando destaca polos seus resultados na mellora da calidade de vida dos gandeiros, así como no benestar e na xestión do gando.
Detrás desta iniciativa hai un equipo comprometido que combina tecnoloxía, innovación e coñecemento do medio rural. Innogando nace coa misión de ofrecer solucións tecnolóxicas que optimicen a rendibilidade das explotacións e contribúan ao benestar animal, mellorando ao mesmo tempo a percepción do sector na sociedade.
Neste marco desenvolven Rumi, un dispositivo intelixente destinado a vacas, cabras, ovellas e cabalos. A través dunha aplicación móbil, permite aos gandeiros coñecer en tempo real a localización e o comportamento dos seus animais, identificando se están pastando, rumiando, descansando ou en celo.
A falta de modernización nas zonas rurais segue a ser un reto que impacta na calidade de vida da poboación. Ademais, o sector enfróntase a desafíos como a escaseza de man de obra, o cambio climático ou o incremento dos custos de produción. Neste contexto, Rumi ofrece unha solución práctica que reduce a carga de traballo e facilita unha gandaría máis eficiente e conectada.
O proxecto destaca polo seu carácter innovador, xa que permite detectar problemas de saúde no gando de maneira temperá, reducindo custos e mellorando a produtividade. Demostra así que a tecnoloxía non só serve para monitorizar, senón tamén para transformar o xeito de traballar no sector.
A través desta iniciativa, contribúese á creación dun sistema agroalimentario máis sustentable, rendible e resiliente. Ademais, o proxecto favorece a fixación de poboación no rural, permitindo que as futuras xeracións continúen ligadas ao territorio e á produción local de alimentos.
Na actualidade, Innogando conta con máis de 25.000 dispositivos activos en España e Portugal, e atópase en fase piloto en países como México, Brasil e Paraguai. A empresa continúa a súa expansión internacional e adapta a súa tecnoloxía a novas especies, como o gando porcino ibérico.
Rumi leva xa dous anos en funcionamento en granxas leiteiras ecolóxicas, pastos e explotacións gandeiras tanto en Galicia como fóra dela, demostrando a súa utilidade en distintos contextos e dimensións de explotación. A súa versatilidade convérteo nunha ferramenta clave para a xestión eficiente do gando.
Máis información