— Ana Ramos, directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, representou á Xunta de Galicia no acto organizado polo Goberno de Navarra.
— O documento, remitido á Comisión Europea, é unha declaración conxunta de propostas de medidas de reindustrialización do sector renovable en Europa
Bruxelas, 4 de decembro de 2025. A Xunta de Galicia únese a outras 15 rexións europeas nunha declaración conxunta sobre as industrias renovables na que se propoñen medidas de reindustrialización do sector renovable en Europa.
A iniciativa, liderada polo Goberno de Navarra, foi presentada esta mañá en Bruxelas no Comité das Rexións. Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa, participou en representación da Xunta de Galicia reforzando o respaldo da Xunta á declaración.
Durante a súa intervención, Ana Ramos salientou que “Galicia conta cun dos maiores potenciais eólicos de Europa, terrestre e mariño, e defender este sector é esencial para manter e crear emprego de calidade na nosa comunidade”. Ramos destacou tamén que o reforzo da industria renovable europea é clave para que rexións como Galicia poidan desenvolver plenamente proxectos en marcha e recuperar capacidade industrial vinculada ás enerxías limpas.
A declaración alíñase coa Estratexia galega para unha industria limpa, a folla de ruta da Xunta de Galicia para impulsar un desenvolvemento baseado na descarbonización e nunha economía cada vez máis electrificada. Este enfoque aposta por aproveitar ao máximo os recursos naturais do territorio galego e a creación de cadeas de valor completas dentro da comunidade.
Reunión coa Comisión Europea
Durante a xornada, tivo lugar un unha reunión con Laia Pinos, experta do Gabinete do Comisario de Mercado Interior, Stéphane Séjourné, e con Valvanera Ulargui, experta do Gabinete da Comisaria de Competencia e Transición Verde, Teresa Ribera.
O documento foi remitido xa aos distintos departamentos da Comisión Europea implicados. Está asinado polas seguintes dezaseis rexións:
• Alemaña: Baden-Württemberg, Hamburgo, Mecklemburgo-Pomerania Occidental, Renania do Norte-Westfalia e Saxonia-Anhalt
• España: Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia e Navarra
• Francia: Nova Aquitania e Normandía
• Italia: Emilia-Romaña e a Provincia Autónoma de Trento
• Austria: Carintia e Alta Austria
Estas rexións representan o 20% do PIB europeo, conformando unha alianza con capacidade real de impacto, tal e como se destaca na Declaración. De cara aos próximos pasos desta acción rexional conxunta, está prevista a unha reunión en Bruxelas.