— A Comisión Europea propón aprobar apoio financeiro a España e a outros sete Estados membros para reforzar de maneira inmediata as súas capacidades de defensa
— España poderá beneficiarse de préstamos a longo prazo en condicións favorables para a adquisición conxunta de capacidades prioritarias da industria europea de defensa
Bruxelas, 15 de xaneiro de 2026. A Comisión Europea avalou os plans nacionais de defensa de oito Estados membros, marcando un fito no impulso europeo para reforzar a súa seguridade. A Comisión presentou unha proposta ó Consello para aprobar a axuda financeira a Bélxica, Bulgaria, Dinamarca, España, Chipre, Croacia, Portugal e Romanía.
Esta decisión é froito dunha avaliación dos «Plans Nacionais de Investimento en Defensa» dos países no marco da iniciativa Acción de Seguridade para Europa (SAFE). O aval abre o camiño para liberar a primeira vaga de préstamos a longo prazo e de baixo custo, permitindo a estes Estados aumentar de maneira urxente a súa preparación militar e adquirir o equipamento de defensa moderno necesario. Ó mesmo tempo, intégrase Ucraína no ecosistema de seguridade da UE e garántese que o apoio europeo sexa rápido e sostible.
Os niveis de financiamento para cada país fixáronse provisionalmente en setembro, con base nos principios de solidariedade e transparencia. Por exemplo, destináronse 1 180 millóns de euros a Chipre, mentres que se asignaron provisionalmente 16 680 millóns de euros a Romanía. Este grupo de oito Estados membros ten dereito a arredor de 38 000 millóns de euros tras a sinatura dos acordos de préstamo. Estes fondos proporcionarán un impulso vital ás capacidades estratéxicas alí onde máis se necesitan.
PRÓXIMOS PASOS
Unha vez finalizada a avaliación da Comisión Europea, o Consello dispón agora de catro semanas para adoptar as decisións de execución. Unha vez aprobadas, o executivo comunitario finalizará os acordos de préstamo, e espérase que os primeiros pagamentos cheguen ó seu fin en marzo de 2026.
CONTEXTO
O Regulamento SAFE adoptouse o 27 de maio de 2025, como parte de “Preparación 2030”, un ambicioso paquete de defensa que ofrece ferramentas financeiras ós Estados membros da UE para impulsar un incremento do investimento en capacidades de defensa.
SAFE permitirá ós Estados membros aumentar de maneira inmediata e a gran escala os seus investimentos en defensa mediante a adquisición conxunta á industria europea de defensa, con especial atención ás capacidades prioritarias. Isto contribuirá a garantir a interoperabilidade, a previsibilidade e a redución de custos dunha base industrial europea de defensa sólida.
Ucraína e os países da AELC/EEE poderán sumarse á contratación pública común, sendo posible adquirir produtos das súas industrias. SAFE tamén permitirá que os países adherentes, os países candidatos, os candidatos potenciais e os países que asinaron asociacións de seguridade e defensa coa UE participen na contratación pública común e contribúan á demanda agregada. Estes países tamén poderán negociar acordos específicos e mutuamente beneficiosos sobre a participación das súas respectivas industrias nesa contratación.
MÁIS INFORMACIÓN
- Nota de prensa da Comisión Europea
- Análise FGE– A política europea de defensa
- Encontros virtuais– A política europea de defensa: liñas estratéxicas e implicacións rexionais