Doce profesionais de enfermería EIR rotarán en centros e programas de AFAGA, por segundo ano consecutivo 🌼🧠 AFAGA · Alzheimer

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

En virtude dun convenio subscribido entre AFAGA, Sergas e ACIS para a formación de especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria

• Celebrouse hoxe un acto de presentación do programa formativo no centro CIAG de AFAGA, enmarcado no Día Internacional da Enfermería

Vigo, luns 11 de maio de 2026.- A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) celebrou hoxe un acto de presentación no Centro de Innovación AFAGA Alzheimer CIAG, de Vigo, do programa de rotación de doce profesionais de enfermería internos residentes (EIR) en centros e programas da asociación, no seu proceso de especialización en enfermería familiar e comunitaria.

A iniciativa, que se realiza por segundo ano consecutivo, nace dun convenio de colaboración subscribido entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e AFAGA para a formación de especialistas en enfermería familiar e comunitaria, pertencentes á Unidade Docente Multiprofesional de Atención familiar e Comunitaria da Xerencia da área Sanitaria de Vigo.

Nesta segunda promoción, os doce profesionais de enfermería integraranse na Unidade de Demencias do Sergas, no Hospital Meixoeiro, e nos programas de estimulación cognitiva (persoas con diagnóstico) e de prevención (persoas sen diagnóstico), para participar no acompañamento e atención a persoas usuarias de AFAGA, durante un mes.

Ao acto de presentación, programado en conmemoración do Día Internacional da Enfermería, que se celebra mañá, 12 de maio, acudiron Juan Carlos Rodríguez e Esteban Fernández, presidente e xerente de AFAGA, respectivamente, Belén Piñeiro, traballadora social e coordinadora das rotacións, e María Rey Grandal, presidenta da Subcomisión de Enfermería da Unidade Docente Multidisciplinar Familiar e Comunitaria de Vigo e coordinadora do programa.

Durante a presentación, María Rey compartiu cos asistentes e profesionais de enfermería residentes a experiencia do ano pasado e o valor formativo do programa. Con esta rotación, os doce participantes obterán información crave para completar a abordaxe das demencias desde o ámbito comunitario, con visión centrada na atención á persoa e un enfoque de humanización do coidado e acompañamento, alén de desenvolver habilidades comunicativas en contextos complexos, incluíndo o reforzo do traballo coas familias (sobrecarga do coidador e necesidades de apoio, entre outras cuestións). Participarán no coidado da saúde das persoas con Alzheimer, das súas familias e comunidades, de forma continua e nos distintos aspectos da promoción da saúde, prevención do avance da enfermidade, recuperación e rehabilitación na súa contorna e contexto sociocultural.

No programa, que conta cun enfoque preventivo e comunitario, abordarase ademais a mellora da coordinación sociosanitaria e o coñecemento da rede de recursos e derivacións, para dar mellor resposta á atención á lonxevidade desde atención primaria.

Pé de foto: Grupo de EIR, acompañado en marxe esquerda por Esteban Fernández e Belén Piñeiro e en marxe dereita, por Juan Carlos Rodríguez e María Rey Grandal.

Recapiti
Afaga