Marín intensifica os traballos de desbroce e limpeza en todo o municipio de cara ao verán - Concello de Marín

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

O Concello coordina distintas actuacións simultáneas en vías municipais, accesos, praias e espazos públicos tanto no casco urbano como no rural

Marín, 29 maio 2026

O Concello de Marín continúa a desenvolver un importante despregue de medios e recursos co obxectivo de ter o municipio nas mellores condicións posibles de limpeza e mantemento de cara á chegada do verán, intensificando especialmente os traballos de desbroce e acondicionamento tanto nas zonas urbanas como no rural.

Neste operativo estanse a coordinar distintas liñas de actuación que permiten avanzar de maneira simultánea en diferentes puntos do termo municipal. Así, actualmente estanse executando os traballos contratados mediante tractor para o desbroce de vías municipais que conectan distintos núcleos de poboación, cun total de 60 quilómetros previstos, dos cales xa se leva completada aproximadamente a metade.

Ademais, este ano a Xunta de Galicia, a través de Seaga, puxo en marcha unha nova modalidade para a solicitude de maquinaria destinada a labores de desbroce. O Concello de Marín adheriuse a esta iniciativa e desde onte está operativo un tractor que actuará en preto de 12 quilómetros de viarios, centrando os traballos nos laterais da Variante e nos dous accesos ao Lago de Castiñeiras, tanto desde o Ecoparque como desde San Xulián.

A maiores, continúa tamén o labor da brigada de operarios e operarias de Juan XXIII, que xa completou a zona 1 do plan de actuación e que se atopa actualmente en plena execución da zona 2. A previsión é que estes traballos rematen arredor do 20 de xuño. Esta fase abrangue o tramo comprendido entre a Escola Naval Militar e Lapamán, incluíndo o Vial de Praias, os accesos e os núcleos atravesados pola PO-551.

Paralelamente, o vindeiro luns iniciarase tamén a posta a punto específica das praias do municipio, co obxectivo de reforzar a súa limpeza, acondicionamento e mantemento para garantir o seu uso en óptimas condicións durante a tempada estival.

Desde o Concello destacan que este dispositivo responde “á prioridade de manter todos os espazos públicos do municipio en bo estado, garantindo a seguridade viaria, a limpeza e unha imaxe coidada tanto no casco urbano como nas parroquias e no rural”.

Recapiti
Concello de Marín