Galicia participa na reunión do Foro do Corredor Atlántico - Fundación Galicia Europa

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, estivo na 4ª Reunión do Foro do Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transporte, organizada pola Comisión Europea

— Coa súa asistencia, a Administración autonómica evidencia a súa preocupación e a necesidade de buscar información de primeira man ante a falta de comunicación directa e transparente por parte do Estado

— O Goberno galego reclama un impulso definitivo ao transporte de mercadorías, o cambio ao ancho internacional e o recoñecemento dos portos de Vigo e Ferrol como portos nodais pertencentes á rede básica, e alerta de que os atrasos na Saída Sur de Vigo ameazan con pospoñer a conexión con Portugal ata 2036

Bruxelas, 24 de xuño de 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu onte á 4ª Reunión do Foro do Corredor Atlántico de Transporte Europeo, un encontro organizado pola Comisión Europea en Bruxelas. Durante a xornada, na que se analizaron os últimos desenvolvementos por parte das autoridades comunitarias, distintos actores expuxeron os seus progresos operativos. Nesta liña, a intervención do Comisionado do Corredor Atlántico en España, José Antonio Sebastián, constatou unha vez máis a falta de compromiso do Goberno central con Galicia, xa que, dos 1.051 millóns de euros que anunciou como investidos no Corredor Atlántico neste ano, non chegan a 40 millóns os destinados á comunidade galega.

A presenza da delegación galega na capital comunitaria responde á necesidade de realizar un seguimento rigoroso das decisións que afectan ao noroeste peninsular. Coa súa asistencia, o Goberno galego evidencia a súa preocupación polo desenvolvemento da rede e busca solicitar a información técnica de primeira man que, de forma reiterada, non logra obter de maneira directa e fluída a través do Goberno central.

Para Galicia, o desenvolvemento do Corredor Atlántico no seu territorio é unha prioridade absoluta e unha ferramenta estratéxica para maximizar a súa posición xeográfica, as súas capacidades loxísticas e as súas relacións con Portugal. Por iso, a Xunta aproveita a celebración deste foro europeo para visibilizar as súas demandas e esixir unha integración plena na rede europea que non deixe atrás a comunidade.

Neste contexto, a Administración autonómica urxe ao Estado a presentar un Plan Director definitivo e transparente, que detalle actuacións, investimentos e calendarios coordinados con Portugal, fronte ás presentacións incompletas recibidas ata o de agora. Esta planificación é vital para desatascar obras críticas como a Saída Sur de Vigo, cuxos continuos atrasos por parte do Ministerio ameazan con pospoñer a conexión de alta velocidade ferroviaria con Porto polo menos ata o ano 2038, sumando a tramitación pendente cara á fronteira e a nova ponte internacional.

Jesús Gamallo co coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch.

A esta urxencia súmanse outras infraestruturas pendentes e ineludibles para a vertebración do noroeste, como a finalización da dobre vía na conexión con Madrid, a Variante de Ourense e as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián en Lugo. Así mesmo, a Xunta reitera a necesidade urxente de iniciar a adaptación ao ancho de vía internacional, substituíndo o ancho ibérico que impera en máis do 80% da rede galega, priorizando o tramo Santiago-Ourense, para estendelo progresivamente a todo o Eixo Atlántico.

Finalmente, no ámbito loxístico e de mercadorías, o Goberno galego esixe un maior apoio europeo para que os portos marítimos de Vigo e Ferrol sexan recoñecidos como infraestruturas esenciais na rede transeuropea, formando parte da Rede Básica (2030) e abandonando a súa actual clasificación na Rede Global (con horizonte a 2050). Para garantir a saída competitiva das cargas, Galicia propón articular dous eixos ferroviarios principais —un norte e outro sur— e impulsar unha nova terminal de mercadorías na contorna de Betanzos, que daría servizo simultáneo aos portos exteriores de A Coruña e Ferrol, garantindo así a cohesión territorial e a competitividade das empresas galegas.

Fonte: Xunta de Galicia

Recapiti
María Sabarís