A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Cristina Acuña, mantiveron unha reunión co presidente e varios representantes da entidade para facer seguimento das actuacións desenvolvidas recentemente e analizar novas necesidades
Marín, 11 setembro 2026
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada polos concelleiros Manuel Santos e Cristina Acuña, mantivo unha reunión co presidente, José Iglesias, e varios integrantes da Comunidade de Montes de San Xulián para abordar diferentes cuestións de interese relacionadas co monte e, especialmente, co entorno do Lago de Castiñeiras.
Durante o encontro realizouse un repaso ás actuacións desenvoltas recentemente neste espazo, así como ás principais necesidades e cuestións que afectan ao seu mantemento e posta en valor. A reunión serviu tamén para analizar diferentes peticións trasladadas pola Comunidade de Montes e estudar posibles vías de colaboración entre a entidade e o Concello.
O Lago de Castiñeiras constitúe un dos principais espazos naturais e de lecer do municipio, polo que desde o Concello se considera fundamental manter unha comunicación fluída coas entidades propietarias do territorio para continuar avanzando na súa conservación e mellora.
O Plan de Sostibilidade Turística permitiu actuar tanto na contorna do Lago, propiedade da CCMM de San Xulián, como máis recentemente na zona de Santomé, onde se recuperou un antigo miradoiro, instalouse un bambán e mesas de merendeiros, e se colocaron novos elementos de xogo no parque infantil.
Neste sentido, a reunión permitiu poñer en común diferentes propostas e necesidades, co obxectivo de seguir coordinando actuacións que contribúan a mellorar este espazo e favorecer o seu aproveitamento por parte da veciñanza e das persoas visitantes.
A reunión mantívose na Casa de Cultura de San Xulián, onde tamén teñen a súa sede as asociacións veciñais da Moreira, Macenlle, San Xulián e Alborada, demostrando o gran pulso de actividade e dinamización social que existe na parroquia.