Novas normas sobre dilixencia debida das empresas na UE

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

Luz verde ao novo proxecto de lei sobre o impacto das empresas nos dereitos humanos e o medio ambiente

19/03/2024 |

— As novas normas de “dilixencia debida” aplícanse ás empresas da UE e de fóra da UE con máis de 1.000 empregados e 450 millóns de euros de facturación. Entre outras cousas, obrigarán ás empresas a preparar un plan de transición que limite o quecemento global a 1,5°C.

— A Directiva introduce os dereitos humanos e o impacto ambiental na gobernanza das empresas, establecendo multas por incumprimento e responsabilidade das empresas por danos e prexuízos.

Bruxelas, 19 de marzo de 2024. Os eurodeputados da comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo aprobaron con 20 votos a favor, 4 en contra e ningunha abstención as novas normas, denominadas de “dilixencia debida“, que obrigan ás empresas a paliar o impacto negativo que as súas actividades teñen sobre os dereitos humanos e o medio ambiente, incluíndo a escravitude, o traballo infantil, a explotación laboral, a perda de biodiversidade, a contaminación e a destrución do patrimonio natural.

A esixencia de previr, poñer fin ou mitigar os seus efectos negativos tamén afecta os socios das empresas nas fases anteriores da cadea, que traballan no deseño, a fabricación, o transporte e a subministración, e aos socios nas fases posteriores, incluídos os que se ocupan da distribución, o transporte e o almacenamento.

Ámbito de aplicación e plan de transición 

As normas aplicaranse ás empresas da UE e de fóra da UE e ás empresas matrices con máis de 1.000 empregados e un volume de negocio superior a 450 millóns de euros, así como ás franquías cun volume de negocio superior a 80 millóns de euros se polo menos 22,5 millóns foron xerados por regalías.

As empresas tamén terán que integrar a dilixencia debida nas súas políticas e sistemas de xestión de riscos, e adoptar e poñer en marcha un plan de transición que faga compatible o seu modelo de negocio co límite de quecemento global de 1,5 °C previsto no Acordo de París.

O plan de transición debe incluír os obxectivos da empresa en materia de cambio climático con prazos concretos, as medidas crave para alcanzalos e unha explicación, con cifras, dos investimentos necesarios para aplicar o plan.ç

Responsabilidade civil e multas 

As empresas serán responsables se non cumpren as súas obrigacións de dilixencia debida e terán que indemnizar integramente ás súas vítimas. Tamén terán que adoptar mecanismos de denuncia e comprometerse coas persoas e comunidades prexudicadas polas súas accións.

Os Estados membro designarán unha autoridade supervisora encargada de vixiar, investigar e impoñer sancións ás empresas que non cumpran. Estas poden incluír multas de ata o 5% do volume de negocios neto mundial das empresas.

As empresas estranxeiras deberán designar a un representante autorizado con sede no Estado membro no que operen, que se comunicará coas autoridades supervisoras sobre o cumprimento da dilixencia debida no seu nome.

A Comisión creará a Rede Europea de Autoridades de Supervisión para apoiar a cooperación entre os organismos de supervisión.

Tras a votación en comisión, a eurodeputada Lara Wolters (S&D, Países Baixos) declarou: “Estou encantada de que unha clara maioría de membros da Comisión de Asuntos Xurídicos apoiase hoxe a Directiva sobre Dilixencia Debida. Xa é hora de que se adopte esta lexislación, para poñer fin aos abusos corporativos e dar ás empresas claridade sobre o que se espera delas. Espero con impaciencia a votación no Pleno e confío en que se adopte rapidamente“.

Próximos pasos

Unha vez aprobada formalmente polo Parlamento Europeo e os Estados membro, a Directiva entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial da UE.

Antecedentes

A proposta da Comisión presentada o 23 de febreiro de 2022 é coherente co chamamento do Parlamento Europeo de 2021 en favor dunha lexislación obrigatoria en materia de dilixencia debida.

Complementa outros actos lexislativos existentes e futuros neste ámbito, como o Regulamento sobre deforestación, o Regulamento sobre minerais conflitivos e o proxecto de Regulamento polo que se prohiben os produtos fabricados con traballo forzoso.

Máis información: Parlamento Europeo

Recapiti
Anxo Rodas Arca