Galicia e outras 133 rexións únense en defensa da política de cohesión

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

Galicia e outras 133 rexións da UE reúnense co novo Parlamento europeo para chamar á defensa da política de cohesión

02/10/2024 |

— A iniciativa #EURegions4Cohesion, coa Fundación Galicia Europa entre os seus impulsores, reivindica unha política de cohesión post 2027 reforzada que sitúe ás rexións no centro do seu deseño e aplicación

— O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, foi o encargado de defender a posición das 17 comunidades autónomas españolas nun encontro no que participaron unha vintena de presidentes e conselleiros rexionais de toda a UE e máis de 30 eurodeputados

Bruxelas, 2 de outubro de 2024. En vista das próximas audiencias dos candidatos a comisario e do debate actual arredor do orzamento posterior a 2027, os gobernos rexionais de 16 países comunitarios escenificaron no Parlamento Europeo a súa reivindicación dunha política de cohesión reforzada que sitúe ás rexións no centro do seu deseño. Foi nun foro de debate titulado “Por unha política de cohesión e crecemento reforzada e centrada nas rexións” na que participaron unha vintena de responsables rexionais e máis de 30 eurodeputados.

As 17 comunidades autónomas españolas, que forman parte desta iniciativa, estiveron representadas polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Conforme á posición común adoptada por #EURegions4Cohesion, Corgos defendeu que a política de cohesión debe seguir sendo a principal política de investimento territorial a longo prazo, así como un elemento clave do proceso de integración europea.

As 134 rexións que impulsan esta iniciativa están dispostas a traballar coas institucións para reforzar esta política, pero se opoñen ao plan único por país anunciado nas directrices políticas publicadas por Ursula von der Leyen en xullo. Sosteñen que a futura política de cohesión debe seguir sendo accesible para todas as rexións e respectar un enfoque territorial e local, así como os principios de asociación e subsidiariedade.

Reunión con Nicola de Michelis

Antes de participar neste encontro, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, mantivo unha reunión co director xeral adxunto en funcións da Comisión Europea para a execución dos fondos estruturais en España, Nicola de Michelis.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou ao responsable comunitario a importancia que os fondos da UE teñen no desenvolvemento de Galicia e o esforzo que o Goberno galego fai para optimizar a súa xestión. De Michelis animou a seguir executando os fondos como ata o de agora para demostrar a importancia da política rexional sobre o terreo no marco do actual debate sobre o orzamento europeo posterior a 2027. Segundo lle explicou Miguel Corgos, o obxectivo é que Galicia siga mellorando na súa converxencia.

Contexto

A iniciativa #EURegions4Cohesion está en liña coa Alianza pola Cohesión e outras iniciativas rexionais xa existentes de apoio á cohesión. Participan 134 rexións de Alemaña, Austria, Eslovaquia, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa e Suecia. Tamén está apoiada pola Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas (CPMR) e a Rede de Rexións Europeas en Investigación e Innovación (ERRIN). A oficina de representación de Galicia en Bruxelas da Fundación Galicia Europa coordina a participación española nesta iniciativa.

Recapiti
Alejandro Gesto