Bruxelas, 4 de decembro de 2024
Tras as eleccións europeas que tiveron lugar en xuño deste ano, finalmente a UE xa ten nova Comisión Europea para o mandato 2024-2029.
No mes de setembro a presidenta da Comisión, Úrsula von der Leyen, fixo pública a súa lista de candidatos para o colexio. Durante o mes de novembro tiveron lugar os “hearings´´, nome co que se denomina aos exames que os candidatos a comisarios deben pasar ante os membros do Parlamento para valorar a súa idoneidade para o cargo. Posteriormente, estes candidatos son votados no seu conxunto por todo o Parlamento.
O día 27 de novembro produciuse esta votación que deu luz verde á nova Comisión. A lista dos novos comisarios obtivo 370 votos a favor, 282 en contra e 36 abstencións, isto é só o 51% dos votos a favor. Trátase do resultado máis axustado que obtivo un colexio de comisarios en toda a historia da UE.
O resultado da votación representa unha oposición consolidada ao novo colexio e unha falta de maiorías que terá repercusións ao longo destes cinco anos. Desde os grupos que pertencen ao espectro político da esquerda, consideran que se trata da Comisión máis escorada á dereita de toda a historia da UE. Mentres tanto, os partidos situados á dereita do arco parlamentario inciden na falta de determinación e consistencia de moitas propostas da Comisión.
Tras o voto de aprobación do 27 de novembro, os membros da Comisión tomaron o cargo o 1 de decembro. Este novo colexio bota a andar nun momento complexo para a UE. A situación xeopolítica respecto a Rusia, Ucraína e Oriente Medio marcará as políticas do novo executivo comunitario, que tamén deberá potenciar a innovación e a competitividade para non perder terreo respecto a Estados Unidos e China. Doutra banda, as recomendacións do Informe Draghi sobre o financiamento da UE poñen a proba á Unión, sacando a debate a posibilidade de que a UE acuda a financiamento estranxeiro para custear os investimentos necesarios.
Fonte: Parlamento Europeo
Máis información: