— Jesús Gamallo, participa nas Azores nunha xornada promovida polo Comité Europeo das Rexións centrada na planificación oceánica.
— O director xeral reafirmou o compromiso de Galicia coa importancia de protexer os mares e océanos.
Illa do Pico (Azores), 5 de decembro de 2024. O director xeral de Relacións Internacionais e coa UE, Jesús Gamallo, participou na Illa do Pico (Azores) nun diálogo local organizado polo goberno rexional das Azores e o Comité Europeo das Rexións (CdR) no que explicou a visión e o compromiso de Galicia coa protección dos mares e océanos.
A xornada “Planificación oceánica: A participación europea e a contribución das Azores” reuniu a representantes locais e rexionais dos Vintesete que fan parte do CdR. O debate centrouse na importancia de protexer os mares e océanos como un dos elementos centrais arredor dos que se articula o Pacto Verde Europeo.
Como destacou o director xeral, os océanos son unha importante fonte de riqueza natural e económica para Galicia e a UE, xa que contribúen á regulación do clima, teñen innumerables recursos naturais e serven de base para actividades económicas como a pesca e o turismo.
É por iso -salientou Gamallo- que as prioridades do Pacto Verde Europeo inclúen reducir a contaminación da auga e mellorar a xestión de residuos, protexer a biodiversidade e os ecosistemas marítimos, así como garantir a sustentabilidade da economía azul.
Jesús Gamallo tamén explicou a recentemente aprobada Estratexia da Economía Azul de Galicia para o período 2024-2027, que recolle 40 medidas que mobilizarán máis de 114 millóns de euros co obxectivo de protexer os ecosistemas mariños e facer un uso axeitado dos recursos para garantir o desenvolvemento económico a longo prazo.
Que é a economía azul?
O concepto de economía azul fai referencia a un modelo no que o crecemento económico baseado na explotación dos recursos marítimos realízase de forma sostible e primando a protección dos ecosistemas mariños.
En maio de 2021, a Comisión Europea adoptou unha nova forma de abordar a economía azul de forma sostible na UE. Entre os seus focos principais están:
- Desenvolver enerxías renovables mariñas, descarbonizar o transporte marítimo e deseñar portos máis ecolóxicos.
- Contribuír á economía circular renovando os estándares para o deseño de instrumentos de pesca, a reciclaxe de embarcacións e o desmantelamento de plataformas mariñas.
- O desenvolvemento de infraestruturas verdes nas zonas costeiras para preservar a paisaxe e a biodiversidade, da que tamén se beneficiará o turismo e a economía costeira.
Pacto Verde Europeo
Ademais dos esforzos por unha economía azul sostible, o Pacto Verde Europeo tamén impulsou o papel da UE no marco de cooperación internacional para a gobernanza dos océanos e dos mares. Busca ademais o desenvolvemento de medidas como a Estratexia de Biodiversidade da UE 2030, que prevé que o 30% da superficie mariña da UE estea protexida en 2030. Tamén quere impulsar a posta en marcha de iniciativas para conseguir océanos limpos e saudables, como a prohibición de determinados plásticos dun só uso, o“investimento azul” que promove a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico na economía azul ou a posta en marcha de campañas de sensibilización como #EUBeachCleanup. Esta campaña céntrase centra na limpeza das praias e na protección da vida mariña. Todas estas políticas serán fundamentais para que a UE alcance os seus obxectivos climáticos e ambientais.
O Pacto Verde Europeo é a estratexia de crecemento da UE adaptada aos criterios de sustentabilidade e coidado ambiental que foi aprobada en 2019.
Máis información: Goberno das Azores