Bruxelas, 7 de xaneiro de 2024
O 19 de decembro de 2024 tivo lugar o último cumio de líderes da UE do ano, mesmo mes no que se cumpren 50 anos do cumio de París de decembro de 1974, no que se creou o Consello Europeo.
Esta última reunión do Consello para pechar o 2024 veu marcada principalmente pola guerra de Ucraína, Oriente Próximo, a UE no mundo, a migración e a preparación, prevención de crise e resposta a estas.
Como é costume desde finais do 2021, a situación de Ucraína foi un asunto capital sobre a mesa. Os líderes da UE confirman o seu compromiso inquebrantable con Ucraína, e a súa determinación para apoiar a este país con todos os medios que necesite para evitar a vitoria de Rusia. A entrada de Donald Trump na presidencia dos Estados Unidos supoñerá previsiblemente unha redución no apoio deste país ao Goberno de Zelenskyy, de modo que a UE podería adquirir unha función aínda máis central na prestación de axuda.
Ademais, a UE condena a aqueles países como Irán ou Corea do Norte que conceden calquera tipo de apoio ou axuda a Rusia nesta guerra. Para a Unión estes apoios supoñen unha escalada no conflito.
No ámbito de Oriente próximo, a UE celebra a caída do Gobierno de Bashar al-Asad en Siria á vez que pide unha mellora das condicións de vida dos sirios ao novo executivo entrante. Ademais, os líderes da UE piden un alto ao fogo inmediato en Gaza e o respecto mutuo entre territorios. Doutra banda, apelan á solución dos dous Estados, Israel e Palestina, para poñer fin ao conflito, tal e como recollen diversas resolucións do Consello de Seguridade da ONU. En relación ao Líbano, a UE recoñece e apoia a soberanía e integridade territorial do Estado libanés e pide o cesamento das hostilidades entre este país e Israel. Afirma que só as forzas armadas libanesas e os cascos azuis da ONU están autorizados para despregarse na fronteira israelí e o río Litani no Líbano.
A UE no mundo é outro dos asuntos tratados. Os líderes defenden a idea de que cada país e comunidade do hemisferio sur é distinta entre sí, e que a UE debe estreitar os seus lazos con eles para conseguir unha cooperación máis eficiente para ambas as partes.
En materia de migración, defende a necesidade de levar a efecto a lexislación vixente e seguir loitando contra a inmigración irregular e o tráfico ilícito de persoas. Os líderes piden aumentar os esforzos para facilitar e acelerar os retornos e para converter os países de orixe en lugares seguros, que non forcen aos seus cidadáns para emigrar en condicións inhumanas. Igualmente piden ao Consello e ao Parlamento que dean prioridade aos avances nos expedientes relacionados coa migración, e acollen favorablemente a intención da Comisión de presentar unha proposta sobre os retornos a principios de 2025.
Por último, en materia de preparación, previsión de crise e resposta a estas, a UE considera que tendo en conta as ameazas presentes froito das tensións internacionais e do cambio climático, debe mellorarse a coordinación e preparación militar e civil para xestionar posibles crises. Ademais, para tal fin estima vital cooperar estreitamente coa OTAN e os Estados membros.
Máis información:
–Conclusións do Consello Europeo, 19 de decembro de 2024
–Páxina web do cumio do Consello Europeo de decembro de 2024