Case cen mozos e mozas do IES Xesús Taboada asisten ao diálogo da FGE sobre oportunidades da UE
19/03/2025 | EuroXuventude, Novas
— O acceso a empregos na UE e as funcións concretas dos xestores de proxectos europeos centraron boa parte das preguntas dos asistentes a esta charla, que contou ademais coa experiencia dun voluntario IVY na Fundación Galicia Europa.
Verín, 18 de marzo de 2025. A Fundación Galicia Europa visitou o IES Xesús Taboada Chivite para ofrecer unha charla a case cen alumnos sobre as oportunidades que a FGE e a Unión Europea brindan para o seu futuro profesional.
O instituto, situado en Verín, recibiu á Fundación cunha visita polas súas instalacións, mostrando o seu Centro de Referencia do programa Erasmus+, a súa acreditación como Centro Embaixador Xuvenil do Parlamento Europeo, o seu Info Point sobre a Unión Europea, as súas colaboracións con outros IES da zona e unha galería de imaxes con fotografías dos intercambios realizados polos seus alumnos.
Tras a visita, deu comezo a charla ante os mozos e mozas asistentes, na que se destacaron os beneficios de participar nos programas europeos que o centro ofrece e se compartiron experiencias de primeira man sobre o traballo en organismos europeos. Acto seguido, a quenda de preguntas permitiu constatar o interese dos asistentes por consellos relacionados co acceso a empregos na UE, así como por obter máis información sobre as funcións concretas dos cargos de xestión nos proxectos europeos.
O peche deste encontro contou con Hernán Rodríguez, voluntario de Interreg Volunteer Youth na Fundación Galicia Europa, quen expuxo as vantaxes do programa IVY, compartiu a súa visión como voluntario e destacou a importancia de estar sempre buscando novos retos e oportunidades.