— O acordo marca un progreso significativo na redución do impacto ambiental da industria navieira a escala global.
— Este deberá ser confirmado pola Organización Marítima Internacional en outubro de 2025.
Bruxelas, 9 de maio de 2025. O pasado 11 de abril acadouse un acordo no seo da Organización Marítima Internacional (OMI) para conseguir emisións netas cero de gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes do transporte marítimo mundial de aquí a 2050. Este acordo supón un avance na loita contra o cambio climático e marca un progreso significativo na redución do impacto ambiental da industria navieira a escala global.
Aínda que o acordo non garante a contribución total do sector á consecución dos obxectivos do Acordo de París, constitúe unha base sólida para iniciar a transición enerxética necesaria no transporte marítimo. A UE e os seus Estados membros desempeñaron un papel clave para garantir o acordo e seguirán participando activamente no período previo á súa adopción en outubro de 2025 e á súa aplicación en 2027.
En consonancia coa Estratexia da OMI para 2023, o acordo inclúe unha nova medida que establece unha norma mundial para reducir de maneira gradual a intensidade de gases de efecto invernadoiro dos combustibles destinados ao uso marítimo. Regulará o grao de «limpeza» da enerxía utilizada por un buque, en función do seu impacto climático. A medida aplícase a todo o ciclo de vida das emisións de GEI dos combustibles marítimos. Emprega criterios normalizados e un réxime común de certificación para os combustibles, o que facilita a igualdade de condicións con independencia do lugar no que se produzan, transporten ou utilicen. Como resultado, evitarase que as emisións se trasladen a outros sectores e fomentarase o investimento sostible que reducirá as emisións ao longo de todo o ciclo de vida en todo o mundo. A UE agarda poder reforzar estas medidas co paso do tempo para cumprir plenamente cos compromisos de descarbonización establecidos na Estratexia da OMI para 2023.
A nova medida tamén introduce un primeiro mecanismo mundial de fixación de prezos para as emisións que, xunto con incentivos financeiros, animará ás compañías navieiras a empregar desde o inicio os combustibles e tecnoloxías máis limpos. Por exemplo, incentivarase ás empresas a investir en combustibles mariños de emisión cero ou case cero, como o metanol renovable e o amoníaco. Ao fomentar o investimento nestes combustibles máis limpos, a medida contribuirá a reducir a pegada de GEI da industria navieira.
O mecanismo de fixación de prezos aplicarase a unha parte das emisións do transporte marítimo internacional a partir de 2028, cun prezo inicial de 100 dólares estadounidenses por tonelada de CO₂. Isto xerará ingresos significativos, estimados entre 11.000 e 13.000 millóns de dólares anuais, que se destinarán ao desenvolvemento e á implementación destes combustibles de emisións cero e case cero. Os ingresos xerados pola medida tamén se asignarán para apoiar unha transición xusta e equitativa, garantindo que ningún país quede atrás. Repartiranse de forma equitativa, prestando especial atención aos países menos desenvolvidos e aos pequenos Estados insulares en desenvolvemento.
Próximos pasos
O acordo deberá ser confirmado pola Organización Marítima Internacional en outubro de 2025. Unha vez finalizadas as negociacións do novo acordo, é o momento de que todos os países comecen a traballar na aplicación do marco. A Comisión tamén avaliará a nova medida mundial para analizar como interactúa coa normativa marítima vixente da UE, mantendo a integridade ambiental e evitando ao mesmo tempo unha carga dobre significativa.
Contexto
A Estratexia da OMI para 2023 establece unha folla de ruta clara para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes do transporte marítimo mundial, con obxectivos de redución de polo menos un 20 % (aspirando ao 30 %) de aquí a 2030, e de polo menos un 70 % (aspirando ao 80 %) de aquí a 2040, ambos en comparación cos niveis de 2008; así como a consecución de emisións netas cero en 2050 ou arredor desa data.
Este acordo representa un paso importante cara ao cumprimento dos obxectivos da Estratexia e demostra o compromiso da comunidade marítima internacional para reducir a súa pegada de carbono e promover o seu desenvolvemento sustentable.
Fonte: Comisión Europea