A Xunta expón no CdR as medidas galegas para promover a competitividade

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE interveu no debate sobre o ditame sobre “Unha Europa máis sinxela e rápida” na comisión CIVEX do CdR 

— Jesús Gamallo destacou, entre outros instrumentos postos en marcha polo Goberno galego, a Oficina Económica de Galicia e os Proxectos Industriais Estratéxicos, que permiten axilizar os trámites administrativos para facilitar a atracción de investimento

— O director xeral foi felicitado polo seu nomeamento como representante do seu grupo político no diálogo Norte-Sur do Consello de Europa

Bruxelas, 22 de maio de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na terceira sesión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na súa intervención no debate sobre o ditame “Unha Europa máis sinxela e rápida”, expuxo algunhas das medidas aplicadas pola Xunta en Galicia en liña co obxectivo comunitario de aumentar a competitividade da UE.

O director xeral comezou contextualizando este ditame, que nace a raíz da comunicación presentada pola Comisión para simplificar as normas da UE e mellorar así competitividade de Europa, facilitando a creación de empresas e protexendo ás persoas. Nese sentido, destacou que a Xunta leva anos traballando nesa dirección, e puxo como exemplo a Oficina Económica de Galicia creada polo Goberno galego a modo de xanela única para reducir burocracia e facilitar a implantación de iniciativas empresariais na nosa comunidade.

Jesús Gamallo tamén subliñou a figura dos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) cos que a Xunta axiliza os tramites administrativos daquelas propostas que teñan especial interese e relevancia económica para Galicia. Ata o de agora, o Goberno galego mobilizou arredor de 2.300 millóns de euros e impulsou a creación de máis de 4.000 postos de traballo grazas á creación deste instrumento. O director xeral destacou, ademais, a recente cesión da ordenación e xestión do litoral a Galicia que permitirá á Xunta aplicar as súas políticas en favor da competitividade nos máis de 2.500 quilómetros de costa galega nos que se asentan máis de 100 empresas da cadea mar-industria.

Jesús Gamallo foi felicitado, ademais, polo seu nomeamento como representante do seu grupo político no diálogo Norte-Sur do Consello de Europa. Os representantes das rexións e cidades na CIVEX tamén mantiveron un intercambio de puntos de vista coa Comisión Europea sobre o Escudo Europeo da Democracia no que o executivo comunitario está traballando. Finalmente, abordaron o ditame “Reforzar a dimensión territorial das relacións entre a UE e Suíza”, que defende a necesidade de fortalecer as liñas de colaboración e cooperación con este país ante o contexto xeopolítico actual.

Galicia nas comisións CIVEX e ECON do CdR

Neste mandato do Comité Europeo das Rexións (2025-2030), Galicia participa na comisión de Política Económica (ECON) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia.

Recapiti
Alejandro Gesto