— Este concurso busca dar visibilidade e concienciar á cidadanía sobre á importancia dos fondos europeos en Galicia.
— O prazo para presentar as candidaturas remata o vindeiro día 13 de xuño de 2025 ás 15 horas.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025. A Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos (DXCFE) da Consellería de Facenda e Administración Pública organiza por segunda vez o Concurso Anual de Comunicación de Fondos Europeos de Galicia. Con esta iniciativa búscase dar visibilidade e concienciar á cidadanía sobre á importancia dos fondos europeos en Galicia.
O concurso selecciona, premia, comunica e difunde os proxectos europeos que recibisen financiamento a través dos fondos europeos de xestión compartida (proxectos cofinanciados polo FEDER, incluído o obxectivo de cooperación territorial europea, polo FSE/FSE+, polo FEMP/FEMPA, polo FTX, polo FEADER e polo FEAGA) ou de xestión directa pola Comisión Europea (LIFE/LIFE+, HORIZONTE 2020, HORIZONTE EUROPA, LEADER, etc), así como aqueles financiados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
O concurso estruturase en dúas fases. Na primeira fase, os responsables dos programas seleccionarán os proxectos elixibles segundo os criterios establecidos. Escollerase un proxecto destacado por categoría, garantindo certa representatividade dos distintos fondos.
Nesta primeira fase, á hora de valorar os proxectos, o xurado terá en conta criterios como o axuste aos obxectivos dos fondos europeos, a innovación, o impacto territorial ou a súa sostibilidade. Tamén se valorará a participación cidadá, as súas sinerxias a difusión ou a visibilidade dos fondos europeos.
A fase final celebrarase previsiblemente en outubro de 2025, durante o Acto Anual de Comunicación de Galicia. Cada finalista disporá de 5 minutos para presentar o seu proxecto en galego. Tras todas as presentacións, realizarase unha votación final e o proxecto máis votado será recoñecido como o mellor proxecto cofinanciado do concurso #EuropaXunta 2025 e levará o título de Proxecto europeo do ano en Galicia.
Categorías premiadas
Os proxectos que se presenten ao concurso, deberán facelo nalgunha das seguintes 6 categorías:
- Categoría #EuropaXunta é máis Intelixente, Competitiva e Dixital: proxectos orientados á transformación industrial, o apoio ás pemes, o fomento da investigación e a dixitalización.
- Categoría #EuropaXunta é máis Verde e Conectada: proxectos orientados, entre outras cousas, á transición enerxética, ás enerxías renovables, á loita contra o cambio climático, á agricultura sostible, á protección do medioambiente, á rehabilitación ambiental, á biodiversidade, á economía circular, á mobilidade sostible, ao transporte respectuoso co medio ambiente e a favorecer a intermodalidade e o movemento eficiente e seguro das persoas.
- Categoría #EuropaXunta pola Inclusión Social: proxectos que busquen favorecer a inclusión social e previr e combater a pobreza, deseñando actuacións destinadas ás persoas máis desfavorecidas, incluídas aquelas que permitan mellorar o acceso aos servizos xa sexan de emprego, sanitarios, de coidado infantil, ou de protección ás persoas sen fogar, de coidados de longa duración, etc.
- Categoría #EuropaXunta pola Educación e o Emprego: proxectos que invistan na educación, na formación e na aprendizaxe permanente e/ou que busquen fomentar o emprego, mellorar o acceso ao mercado de traballo, apoiar a creación de empresas e microempresas, fomentar a cultura emprendedora e en liñas xerais mellorar as condicións laborais a persoas desempregadas, ocupadas e inactivas, á vez que se procure a integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas.
- Categoría #EuropaXunta no Ámbito Local: proxectos desenvolvidos na Comunidade Autónoma por algunha das Administracións Locais galegas no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI).
- Categoría #EuropaXunta é Innovadora e Novidosa: proxectos, iniciados e non rematados, que presenten novidades ben sobre o que se viña financiando en períodos anteriores ou ben sobre a forma de abordar retos actuais e que modifica a forma de proceder existente.
As solicitudes deberán presentarse antes das 15:00 horas do día 13 de xuño de 2025 a través deste formulario que deberá remitirse por correo electrónico ao Servizo de Seguimento e Comunicación dos Fondos Europeos da DXCFE.
Máis información: Bases da convocatoria