A FGE analiza as boas prácticas do medio rural portugués

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

A Fundación Galicia Europa analiza as boas prácticas do medio rural portugués nos encontros bilaterais do proxecto “RuralYouthFuture”

02/06/2025 |

— O encontro bilateral contou coas presentacións de varias entidades portuguesas, como a Casa da Juventude de Amarante ou o Português do Desporto e Juventude

Santiago, 29 de maio de 2025.– Co obxectivo de coñecer e de avaliar a súa posta en marcha en Galicia, a Fundación Galicia Europa participou, xunto con outros socios do proxecto “RuralYouthFuture”, nun encontro bilateral no que diversas entidades portuguesas presentaron as boas prácticas desenvolvidas no medio rural luso.

A sesión comezou cunha presentación sobre das actuacións postas en marcha pola Casa da Juventude de Amarante para promover estilos de vida saudables entre a mocidade. As accións inclúen formacións, proxectos de sensibilización e programas de intercambio xuvenil, financiados con fondos europeos e a través do programa Erasmus+. Un apoio gracias ao cal a entidade conseguiu poñer en marcha máis de 150 proxectos propios e colaborar como socio noutros 300, garantindo a estabilidade dos mesos e a súa continuidade no tempo.

Durante o encontro, tamén se presentou a “Agenda Nacional da Juventude”, impulsada polo Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ). Un instrumento estratéxico que promove a coordinación entre institucións públicas, organizacións da sociedade civil e asociacións xuvenís, co obxectivo de fomentar a participación activa da mocidade na definición e execución de políticas públicas. Esta axenda permitiu a celebración de máis de 70 sesións participativas en todo o país, nas que participaron máis de 2.600 mozos e mozas, xerando arredor de 700 propostas concretas.

Por último, presentouse a plataforma “Rural Move”, unha iniciativa que impulsa o desenvolvemento das zonas rurais e apoia á mocidade que desexa vivir, traballar ou investir nelas. O obxectivo desta actividade é o de crear un espazo común de encontro entre actores e comunidades rurais para debater sobre modelos innovadores de desenvolvemento rural para o futuro dos máis de quince territorios participantes. Desde a súa creación, “Rural Move” organizou máis de 50 eventos en Portugal, acadou un impacto directo en máis de 1.000 persoas e tivo ampla presenza nos medios de comunicación, con arredor de 50 aparicións. O proxecto tamén promove a retención e asentamento da poboación en zonas rurais e de baixa densidade, así como a formación en innovación, emprendemento e dixitalización.

Sobre RuralYouthFuture

O proxecto “RuralYouthFuture” ten como obxectivo impulsar o emprego xuvenil e garantir postos de traballo accesibles e de calidade para a mocidade das zonas rurais. Para iso, céntrase en seis instrumentos políticos a nivel municipal, rexional e nacional, co propósito de afrontar o reto común de dar resposta ás necesidades da xuventude nos territorios rurais afectados polo descenso poboacional. O proxecto conta coa participación de socios de oito países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia, Bélxica e Serbia.

Cun financiamento de 1,9 millóns de euros, o proxecto desenvólvese no marco do Programa Interreg Europa, cofinanciado con fondos FEDER.

Consulta aquí as novas relacionadas co proxecto.

Recapiti
David Dopazo