A Lei de Datos da UE outorga aos usuarios o control sobre os datos

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

A Lei de Datos da UE outorga aos usuarios o control sobre os datos dos dispositivos conectados

12/09/2025 |

— Coa entrada en vigor da lei os cidadáns teñen o control sobre os datos xerados polos seus dispositivos conectados, como reloxes intelixentes e automóbiles

— A Comisión tamén publicou orientacións sobre o intercambio de datos relativos a vehículos, que favorecerán unha mellor reparación e mantemento

Bruxelas, 12 de setembro de 2025. A entrada en aplicación na UE a Lei de Datos dá ás persoas usuarias o control sobre os datos xerados polos seus dispositivos conectados, como reloxos intelixentes e automóbiles. Así mesmo, abre oportunidades para que as pequenas empresas utilicen eses datos para desenvolver servizos posvenda innovadores.

A Lei de Datos aumenta o acceso a datos de alta calidade e, con iso, o potencial da innovación baseada en datos. Establece normas xustas para unha maior dispoñibilidade de datos co fin de impulsar a innovación, a competitividade e o crecemento na economía dixital europea.

As persoas consumidoras e usuarias empresariais de dispositivos conectados, como automóbiles, televisores intelixentes e maquinaria industrial, poderán agora acceder, usar e compartir os datos brutos xerados polos seus dispositivos. Con este fin, a Lei de Datos da UE:

  • garante que os dispositivos conectados no mercado da UE estean deseñados para permitir o intercambio de datos;
  • ofrece ás persoas consumidoras a posibilidade de elixir provedores de reparación e mantemento máis rendibles ou realizar elas mesmas esas tarefas;
  • proporciona aos usuarios de industrias como a manufactura ou a agricultura acceso a datos sobre o rendemento dos equipos industriais, o que pode mellorar a súa eficiencia e operacións;
  • permite ás persoas usuarias da nube cambiar entre provedores ou utilizar servizos de varios provedores en paralelo;
  • prohibe os contratos inxustos que poidan impedir o intercambio de datos.

A Comisión tamén publicou orientacións sobre o intercambio de datos relativos a vehículos, que favorecerán unha mellor reparación e mantemento, o uso compartido de automóbiles e a mobilidade como servizo.

Próximos pasos

A Comisión está a traballar en novas ferramentas para facilitar a aplicación da Lei de Datos. Creará un servizo de asistencia xurídica específico sobre a Lei de Datos para prestar apoio directo ás empresas con preguntas sobre como aplicar as novas medidas. Fornecerá orientacións sobre o uso de datos no relativo á protección dos segredos comerciais. En concreto, aclarará cando pode aplicarse o novo mecanismo de protección dos segredos comerciais. Tamén publicará termos modelo para o intercambio de datos e cláusulas estándar para os contratos na nube a fin de facilitar ese intercambio.

A Comisión tamén adoptará unha Estratexia de Unión de Datos para seguir mellorando e simplificando o marco de datos da UE.

Antecedentes

A Comisión traballou con empresas europeas de todos os tamaños, con asociacións industriais e coa sociedade civil para aclarar as disposicións e desenvolver ferramentas prácticas para a aplicación da Lei de Datos.

A colaboración coas partes interesadas continuará a medida que se aplique a Lei de Datos, garantindo que os comentarios dean forma ás futuras orientacións, aseguren unha aplicación proporcionada e eficaz e se incorporen ao programa de simplificación da Comisión.

A Comisión xa prestou apoio aos Estados membros, ás empresas e a outras partes interesadas, incluídas preguntas frecuentes e orientacións. A Lei de Datos complementa a Lei de Gobernanza de Datos. Mentres que a Lei de Gobernanza de Datos aumenta a confianza nos mecanismos voluntarios de intercambio, a Lei de Datos proporciona claridade xurídica en relación co acceso e uso dos datos.

Máis información: Comisión Europea

Recapiti
María Sabarís