Galicia logra unha fábrica europea de intelixencia artificial cun orzamento de 82 millóns de Euros
10/10/2025 | Comisión Europea, IA
— O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acollerá unha das novas fábricas europeas de IA que conta cun orzamento de 82 M€ e acelerará a investigación e a innovación no ambito da saúde
— Esta factoría, solicitada pola Xunta e o CSIC, é unha das seis novas que se veñen de conceder en Europa, e das que só existía unha en España e 13 en todo o continente
— A fábrica de IA permitirá impulsar a creación e fortalecemento de startups, mellorar a competitividade das empresas, atraer talento e crear emprego
Bruxelas, 10 de outubro de 2025. O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) vén de conseguir unha das seis novas fábricas europeas de intelixencia artificial que estará centrada no ámbito da saúde e contará cun investimento de 82 M€. Así o notificou hoxe a Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), unha iniciativa conxunta entre a UE, distintos países e socios privados ante a que a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentaron en xuño unha candidatura para acoller unha infraestrutura desta tipoloxía.
Actualmente hai un total de 13 factorías con sede en 12 países (Alemaña, Austria, Bulgaria, Eslovenia, España, en Barcelona; Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Luxemburgo, Polonia e Suecia), ás que se suman agora as novas seis fábricas que veñen de concederse en todo o continente, unha delas en Galicia. A concesión deste proxecto ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) supón que Alemaña, España e Polonia sexan os tres únicos países que contan con dúas fábricas de IA no seu territorio, algo que sitúa a Galicia nunha posición relevante no eido das tecnoloxías profundas e biotecnoloxía.
Esta fábrica de IA estará centrada no ámbito da saúde baixo o nome 1HealthAI. Grazas a ela, adquiriranse un novo supercomputador específico para intelixencia artificial e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental e prestaranse servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.
A Comunidade galega logra captar 65 millóns de euros para o seu sistema de investigación e innovación (41 de fondos europeos e 24 estatais) que a Xunta completará con outros 17 millóns de euros de fondos propios. Esta capacidade de captación evidencia, en opinión do conselleiro, o posicionamento e a forza dunha I+G+i cada vez máis relevante.
O apoio doutras institucións
A factoría de intelixencia artificial galega, liderada polo Cesga e coliderada polo CSIC, conta coa participación e firme compromiso de socios clave, incluíndo as tres universidades públicas galegas e varios dos seus centros de investigación da Rede CIGUS, así como o Hub Europeo de Innovación Dixital DATAlife e o centro tecnolóxico Gradiant, entre outros axentes do sistema de I+D+i galego. Cómpre lembrar que o Cesga é unha fundación participada ao 70% pola Xunta de Galicia e ao 30% polo CSIC.
Esta iniciativa está impulsada e respaldada pola Xunta como parte do seu compromiso coa ciencia, a innovación e o avance tecnolóxico. Así, a inicios de ano o Goberno galego presentoulles a proposta desta factoría ao CSIC e aos ministerios de Ciencia, Innovación e Universidades e de Transformación Dixital e da Función Pública en diversas reunións mantidas en Madrid polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Beneficios do proxecto para Galicia
O despregue da fábrica de IA impulsará a creación e o fortalecemento de startups, mellorará a competitividade das empresas, atraerá talento e creará emprego grazas ao acceso a ferramentas de IA avanzadas a disposición de todos os axentes dos sectores vinculados ás ciencias da vida, como a investigación sanitaria ou a biotecnoloxía. En definitiva, acelerará enormemente a innovación e a investigación nestes ámbitos.
A candidatura galega, presentada o pasado mes de xuño, contou co apoio de máis de 60 entidades de eido estatal, europeo e internacional, entre as que se atopan centros de supercomputación europeos coma o de Barcelona (BSC). A calidade da proposta susténtase na solidez da I+D+i galega, no potencial dos ecosistemas biotecnolóxico e de IA galegos e no recoñecido prestixio dos centros de investigación do CSIC, o maior organismo de investigación de España e patrono do Cesga xunto coa Xunta de Galicia.
Repercusión en toda a cadea de valor
1HealthAI promoverá desde Galicia a cooperación con outras fábricas de IA europeas que traballen en sectores relacionados ou complementarios. A nova factoría europea buscará abordar, desde a investigación e a innovación, os desafíos globais do chamado enfoque One Health (“unha soa saúde”). A Organización Mundial da Saúde define o concepto de One Health como un enfoque integrado e unificador que busca equilibrar e optimizar de forma sostible a saúde das persoas, os animais e os ecosistemas. No mundo actual, cada vez máis interconectado, esta perspectiva resulta esencial para previr, prepararse e responder a ameazas globais, como foi a pandemia da covid-19.
A fábrica 1HealthAI especializase nos retos que se presentan baixo este enfoque One-Health, aproveitando a posición privilexiada de Europa na xeración de datos a través dos seus sistemas de saúde, as empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas, así como os axentes dos sectores agroalimentario, marítimo e ambiental. Os principais ámbitos de actuación da fabrica inclúen a medicina personalizada, o envellecemento saudable, a xestión dos recursos mariños, a biotecnoloxía azul, a agricultura, a gandaría, o sector forestal, os alimentos funcionais, os nutracéuticos, o desenvolvemento farmacéutico e de vacinas, a biotecnoloxía ambiental, a economía circular e a bioenerxía.
Que son as fábricas de IA?
As fábricas de intelixencia artificial (IA), impulsadas pola Comisión Europea, son centros que deseñan e implementan solucións baseadas nesta tecnoloxía mediante o uso de infraestruturas avanzadas, grandes volumes de datos e persoal especializado.
Actúan como espazos de innovación que fomentan a creación de aplicacións intelixentes, a formación e atracción de talento e a colaboración entre empresas, universidades e centros de investigación.
Ademais de impulsar a innovación, fortalecen a competitividade económica e rexional, crean emprego cualificado e promoven a cooperación público-privada. Ao integrar supercomputación e xestión de datos de forma segura, contribúen tamén á soberanía tecnolóxica europea e a un desenvolvemento sostible e ético da IA.
Con máis de 500 millóns de euros en investimentos conxuntos da UE e dos Estados membros, esta terceira onda de factorías de IA ampliará a capacidade de computación de alto rendemento de Europa e acelerará a adopción da IA en sectores clave.
Este despregamento apoia o Plan de Acción «Continente de IA» e complementa o investimento da UE nas futuras gigafactorías de IA (instalacións a gran escala dedicadas ao desenvolvemento e á formación de modelos avanzados de IA e sistemas de vangarda), ademais de aliñarse coa estratexia de uso da intelixencia artificial para acelerar a súa adopción en toda a economía e o sector público europeos.
Máis información: Xunta de Galicia, Comisión Europea, EuroHPC JU e CSIC