AFAGA congrega a máis dun centenar de profesionais nas súas XXII Xornadas Internacionais en torno ao Alzheimer 🌼🧠 AFAGA · Alzheimer

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) celebrou o sábado 22 de novembro as súas XXII Xornadas Internacionais sobre o Alzheimer, dirixidas a profesionais, con cheo total da Sala de Conferencias de Afundación en Vigo, na que se congregaron máis dun centenar de profesionais do sector sociosanitario. Estas xornadas convertéronse ao longo dos anos nun referente en Galicia na procura de solucións e avances na loita contra o Alzheimer, reunindo a profesionais, estudantes e personalidades de distintas institucións do ecosistema sociosanitario nacional e internacional.

Entre outras personalidades, asistiron ao evento a concelleira de Política Social do Concello de Vigo, Yolanda Aguiar, e o director xeral de maiores e atención sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Antón Acevedo.

Nesta edición, AFAGA reuniu a máis dunha decena de relatores investigadores e académicos do ámbito médico e da saúde, baixo o lema ‘Innovación e Investigación en demencias: da prevención ao diagnóstico e a intervención”, procedentes de centros e institucións nacionais e internacionais como a Universidade do Minho (Portugal), a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o centro CRE Alzheimer do Imserso en Salamanca ou a Fundación CITA-alzhéimer, de San Sebastián.

Tras a inauguración oficial, a investigadora médica portuguesa Ivone Martins, do Centro de Enxeñería Biolóxica da Universidade do Minho (Portugal), abriu o programa coa presentación do seu “Proxecto Hércules-Bacteriófagos contra o Alzheimer”. Martins explicou a aplicación da biotecnoloxía/bioingeniería de virus de bacterias (bacteriófagos) no desenvolvemento de ferramentas de diagnóstico precoz e terapia dirixida contra o Alzheimer e como transferir a tecnoloxía desenvolvida no ámbito académico á práctica clínica, co fin de chegar a quen realmente a necesitan.

Ás 10:45, o investigador do Instituto de Psicoloxía (IPsiUS) da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador da súa Unidade de Transferencia, David Facal, abriu un bloque monográfico sobre a prevención, cun relatorio sobre saúde cognitiva, en base á súa experiencia en distintos proxectos europeos de innovación en lonxevidade e ás súas investigacións sobre o proceso lonxitudinal do envellecemento cognitivo.

Seguidamente, Amil López, doutora en Farmacia e graduada en Nutrición Humana e Dietética, centrou a súa charla na importancia da alimentación saudable na prevención das demencias. O catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, José María Cancela, pechou o bloque de prevención cun relatorio sobre o exercicio físico e o seu impacto no coidado da mente.

Primeira edición do Premio AFAGA Alzheimer

Ao redor das 11:00, a asociación fixo unha pausa nas intervencións para facer entrega do I Premio AFAGA Alzheimer á neuróloga María José Moreno, en recoñecemento á súa traxectoria na innovación, investigación e loita contra o Alzheimer, e pola súa valiosa contribución e apoio para a creación da pioneira Unidade de Demencias Multidisciplinar, que funciona desde 2022 no Hospital Meixoeiro, adscrito ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).

Tras a entrega do galardón, Rubén Grande, CEO de BIG Formación, abriu o bloque de relatorios sobre a innovación e intervención, no que tamén participaron Enrique Pérez, neuropsicólogo responsable de investigación e área técnica do Centro de Referencia Estatal de Atención a Persoas con Enfermidade de Alzheimer e Outras Demencias do Imserso (CRE Alzheimer), de Salamanca; Marcos Fontenla, secretario de FAGAL e AFAPO, cunha charla sobre chatbots destinados a persoas coidadoras; e Xavier Blanco, mestre e investigador de música de raíz e presidente da Fundación Legar, quen centrou o seu relatorio no proxecto Im.RAÍZ de intervención e estimulación mediante música de raíz en persoas con deterioración cognitiva e demencia.

Nun terceiro bloque sobre innovación e diagnóstico temperán, Alfredo Pérez, responsable de Innovación e Servizos de Samsung Iberia, expuxo a orixe e desenvolvemento da aplicación de cribado cognitivo “The Mind Guardian”, promovida no marco do programa de responsabilidade social “Tecnoloxía con Propósito” de Samsung, e en cuxo testeo colaborou AFAGA.

A continuación, interviñeron Carlos Spuch, investigador senior do grupo de neurociencia traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), co seu relatorio “Emprego de biomarcadores en saliva para a enfermidade de Alzheimer”, e o neurólogo Pablo Martínez-Lage do Centro de Investigación e Clínica Memoria da Fundación CITA-alzhéimer, de San Sebastián, quen puxo o broche final ás xornadas co seu relatorio sobre as novas terapias anti-amiloide, coa axuda dos novos fármacos “Lecanemab” e “Donanemab”.

Recapiti
Afaga