AFAGA Alzheimer, foi, xunto a Fundación San Juan de Dios de Navarra, unha das dúas entidades sociais que recibirá unha axuda económica de 60.000 euros, nun período de dous anos, para poñer en marcha un proxecto asistencial dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas que coidan dos seus familiares. É o resultado da primeira convocatoria de “Axudas para entidades sociais en apoio das persoas coidadoras” de Cinfa que, no marco do seu movemento polos coidados e da súa traxectoria social á beira dos pacientes e os seus familiares, puxo en marcha esta e outras iniciativas para apoiar e visibilizar ás persoas que asumen este rol en España.
“No contexto dunha poboación cada vez máis envellecida, debemos tomar conciencia de que o coidado aos nosos maiores é unha realidade: somos unha sociedade coidadora e miles de persoas asumen este rol no ámbito familiar. Desde Cinfa, queremos recoñecer e visibilizar este labor e, por suposto, apoiala dunha forma real e tanxible -explica Enrique Ordieres, presidente de Grupo Cinfa-. Por iso, entre outras iniciativas, impulsamos estas axudas económicas, que permitirán que entidades sociais referentes no ámbito dos coidados, como son AFAGA e Fundación San Juan de Dios de Navarra, impulsen programas que melloren o día a día das persoas que coidan dos seus familiares maiores”.
Nesta primeira convocatoria, 40 entidades sociais de toda España, sen ánimo de lucro, presentaron proxectos centrados en mellorar a vida das persoas coidadoras familiares, das cales, dúas foron seleccionadas por un xurado especializado pola súa innovación, alcance e impacto. Cada un dos proxectos recibirá unha axuda total de 60.000 euros, distribuída en dúas anualidades.
Apoio emocional e orientación a través dun canal dixital
O proxecto beneficiario das axudas de Cinfa de AFAGA Alzheimer en Galicia é “AFAGA Contigo 24/7”, unha iniciativa que ofrecerá apoio emocional e orientación en tempo real a través dunha canle dixital dirixida a familias de persoas con demencia.
Esta proposta innovadora permitirá manter informadas as familias en tempo real, xerar espazos de comunicación máis humanizados e garantir que ningunha persoa coidadora senta soa ou desorientada #ante a evolución da enfermidade. A través da plataforma TokApp, a asociación ofrecerá acompañamento continuo, información útil e actualizada, apoio emocional, boas prácticas e unha rede de contacto entre familias.
A través desta canle, que estará operativa 24 horas, darase cobertura a unhas 2.000 persoas coidadoras da área sanitaria de Vigo, moitas delas residentes en zonas rurais de alta dispersión, onde os recursos de proximidade son escasos e este tipo de iniciativas resultan especialmente necesarias.
“Co proxecto ‘AFAGA Contigo 24/7’, buscamos incorporar á nosa asociación unha ferramenta de comunicación moderna, eficiente e adaptada ás novas realidades tecnolóxicas. O noso obxectivo é crear un ecosistema dixital de apoio que beneficie ás familias, ás persoas coidadoras e ás contornas de apoio social, proporcionándolles información e orientación de maneira áxil e accesible” sinala Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA Alzheimer.
Acompañamento integral e respiro familiar
O segundo proxecto beneficiario das axudas de Cinfa é “Escola de Familias 360” da Fundación San Juan de Dios de Navarra. O proxecto, que dará apoio a 100 persoas en Navarra, busca mellorar a calidade de vida dos coidadores familiares de persoas maiores con enfermidades crónicas a través dunha rede de apoio integral que contribúa a reducir a sobrecarga física e emocional da persoa coidadora.
O programa comeza durante o ingreso hospitalario co obxectivo de capacitar ás persoas coidadoras en coidados básicos e na prevención de posibles complicacións unha vez que se regrese ao fogar. Tamén se analizan as necesidades estruturais do domicilio e se asesora sobre adaptacións e axudas técnicas que favorezan a funcionalidade na contorna doméstica. Xa en casa, unha terapeuta ocupacional realizará unha visita para avaliar as necesidades reais, reforzar a educación sanitaria, resolver dúbidas e ofrecer apoio emocional á persoa coidadora.
Ademais, impulsarase unha comunidade virtual de coidados, un espazo de acompañamento que facilite o intercambio de experiencias, o acceso a contidos guiados por profesionais e a conexión entre coidadores, co fin de reducir o illamento social, fortalecer o sentido de pertenza e mellorar o benestar. Por último, o proxecto contempla tamén un servizo de respiro, grazas ao apoio de persoas voluntarias, que permitirá ás persoas coidadoras dispoñer de tempo para o “autocuidado”.
“Coa “Escola 360”, desde a Fundación San Juan de Dios de Navarra queremos axudar ás persoas coidadoras que acompañan aos seus familiares en todo o proceso: desde o hospital ata o fogar. Porque coidar vai máis aló dunha tarefa técnica, é unha experiencia profundamente humana que require coñecemento, acompañamento e apoio. Esta concepción dos coidados forma parte do modelo de atención integral á persoa vulnerable que caracteriza ao noso hospital e, en xeral, á Orde de San Juan de Dios”, sinala Susana Martínez, responsable da área Sociosanitaria do Hospital San Juan de Dios.
A selección destes dous proxectos foi realizada por un xurado composto por profesionais do ámbito social e sanitario e representantes de entidades de pacientes: Enrique Ordieres, presidente de Grupo Cinfa; Beatriz Donas, responsable de Desenvolvemento de Proxectos do Foro Español de Pacientes; Nicolás Martínez, vogal da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG); Rebeca Cáceres, doutora en psicoloxía especializada en acompañamento emocional a persoas coidadoras; e Belén Viloria, experta en innovación social e medición de impacto.