Galicia defende no Comité Europeo das Rexións unha Política Pesqueira Común máis forte no próximo marco financeiro plurianual - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou no pleno nº 172 do Comité das Rexións celebrado en Bruxelas

— A Xunta de Galicia defende unha PPC máis rexionalizada, resiliente e adaptada ás necesidades do sector e dos territorios marítimos

Bruxelas, 2 de xullo de 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 172 do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que se someteron a aprobación 15 proxectos de ditame sobre cuestións estratéxicas para o futuro da Unión Europea, entre elas a política pesqueira, a política agrícola e a integración das prioridades climáticas e ambientais no próximo Marco Financeiro Plurianual (MFP).

No debate co comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, sobre o ditame da Política Pesqueira Común (PPC), o Pacto Europeo polo Océano e a política marítima e de acuicultura da UE, Jesús Gamallo destacou o papel de Galicia como principal rexión pesqueira europea e defendeu unha PPC capaz de compatibilizar a sustentabilidade dos recursos mariños coa viabilidade económica do sector e o futuro das comunidades costeiras.

Gamallo salientou que o actual proceso de revisión da PPC é unha oportunidade clave para impulsar non só a protección dos recursos mariños, senón tamén o futuro das frotas e o emprego nas comunidades costeiras. Neste contexto, incidiu na importancia de apoiar a modernización e descarbonización da frota, a pesca artesanal e o relevo xeracional, así como de potenciar o papel das rexións marítimas no deseño das políticas europeas.

Durante a sesión plenaria tamén se abordaron cuestións estratéxicas para Galicia, como a Política Agrícola Común (PAC) e o Fondo Social Europeo a partir de 2028, cando remate o actual período financeiro, así como a accesibilidade da vivenda.

Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Fonte: Xunta de Galicia

Detalles de contacto
Adriana Rodríguez Novo