Galicia defende unha transición sostible para as persoas ucraínas desprazadas e reivindica o papel das rexións - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

— En relación á situación de Ceuta, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, pide ao Comité Europeo das Rexións apoio e unidade

— Gamallo anunciou aos membros da Comisión CIVEX a próxima incorporación do presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, ao Comité das Rexións

— O director xeral defendeu tamén a busca de solucións sostibles para a protección das persoas desprazadas ucraínas e a súa integración social e laboral

Bruxelas, 11 de setembro de 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana na reunión externa da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións, celebrada en Maastricht (Países Baixos). Entre os asuntos abordados figuraron o Pacto polo Mediterráneo, a Axenda ProtectEU para previr e combater o terrorismo, e a transición cara a solucións sostibles para as persoas ucraínas desprazadas na Unión Europea.

No marco deste encontro, o director xeral fixo tamén un chamamento aos membros da Comisión de Asuntos Exteriores solicitando o seu apoio, axuda e unidade fronte á situación actual de Ceuta. Durante a súa intervención, Gamallo subliñou a necesidade de reforzar a fronteira sur de Europa e articular unha resposta conxunta e coordinada por parte das institucións europeas para dar solución á complexa situación que atravesa a cidade autónoma. Así mesmo, anunciou aos membros da Comisión a próxima incorporación do presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, ao Comité das Rexións.

A vixencia da protección temporal ás persoas desprazadas ucraínas centrou parte da intervención do director xeral, quen defendeu aproveitar este período para avanzar cara a solucións sostibles, favorecendo a súa integración social e laboral. Neste sentido, sinalou dúas prioridades: que o financiamento europeo chegue de forma estable e accesible ás administracións que xestionan estas políticas, e que se reforce o emprego, a formación e o recoñecemento das competencias profesionais. Ambas as dúas medidas, explicou, facilitan tanto a inclusión das persoas desprazadas como o seu eventual retorno voluntario a Ucraína.

Galicia forma parte do grupo de traballo sobre Ucraína do Comité Europeo das Rexións, do que Gamallo é membro. Ademais, a Fundación Galicia Europa recibirá este mes unha delegación de alcaldes da rexión ucraína de Zakarpattia, grazas ao programa TIPS4UA no que participa a Deputación de Ourense, reforzando así a cooperación institucional e o apoio galego ao proceso de recuperación e reconstrución do país.

Comisión CIVEX

No mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Política Económica (ECON) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última coordina o traballo do CdR en materia de cidadanía, democracia, gobernanza multinivel, subsidiariedade e participación cidadá, así como nos asuntos institucionais e exteriores da UE.

Fonte: Xunta de Galicia

Detalles de contacto
Adriana Rodríguez Novo