— O informe científico ISPAMER constata que o palangre de pedra-bóla mantén os anzois suspendidos na columna de auga e presenta un contacto mínimo co fondo mariño
— O estudo, desenvolvido polo Instituto Español de Oceanografía coa participación da OPP-7 Burela e cofinanciado polo FEMPA, rexistrou só 10 interaccións con especies de ecosistemas mariños vulnerables en máis de 6,3 millóns de anzois
— Representantes galegos e do sector pesqueiro reclaman á Comisión Europea que revise canto antes a aplicación do Regulamento 2022/1614 e exclúa do seu ámbito esta arte de pesca selectiva
Bruxelas, 11 de setembro de 2026. Galicia volveu reclamar esta semana en Bruxelas unha revisión do veto que afecta o palangre semipeláxico de pedra-bóla, despois de que os resultados do proxecto científico ISPAMER achegasen novas evidencias sobre o reducido impacto desta arte de pesca nos fondos mariños e nos ecosistemas mariños vulnerables.
O informe foi presentado en Bruxelas polo investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) Pablo Abaunza, nun encontro no que participaron representantes das institucións europeas, eurodeputados e representantes do sector pesqueiro galego. A investigación analiza as características e o comportamento do palangre de pedra-bóla, así como a súa interacción co fondo mariño e coas especies asociadas aos ecosistemas mariños vulnerables.
Os resultados mostran que se trata dunha arte de carácter semipeláxico: os anzois permanecen suspendidos na columna de auga, mentres que as pedras utilizadas polo sistema de pesca permiten manter a liña na posición adecuada. As medicións realizadas durante o estudo situaron en arredor de 73 metros a separación media entre os anzois e o fondo, o que evidencia que non se trata dunha arte de pesca de fondo convencional.
Durante os tres anos de seguimento científico analizáronse máis de 6,3 millóns de anzois, arredor de 55 mareas e preto de 1.500 operacións de pesca. Neste período rexistráronse unicamente 10 interaccións ou fragmentos de especies consideradas indicadoras de ecosistemas mariños vulnerables, o que supón unha taxa de 0,0016 interaccións por cada mil anzois. O estudo estima, ademais, en menos de dous metros cadrados a superficie máxima teórica de contacto co fondo do conxunto de pedras utilizadas nunha operación de pesca.
Os responsables do proxecto subliñaron tamén a necesidade de diferenciar entre as distintas modalidades de palangre. A clasificación científica distingue entre palangre de superficie, palangre de fondo e palangre mixto ou semipeláxico. Segundo se explicou durante a presentación, a simplificación de determinadas categorías na recollida de datos europea levou a agrupar baixo a denominación de artes de fondo modalidades con características e niveis de impacto diferentes.
Revisión do Regulamento 2022/1614
O encontro puxo de manifesto a preocupación do sector pola aplicación do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614, que estableceu o peche de 87 zonas do Atlántico nororiental ás artes de pesca de contacto co fondo para protexer os ecosistemas mariños vulnerables.
Os representantes do sector consideran que a aplicación xeneralizada desta medida non tivo suficientemente en conta as diferenzas entre a pesca de arrastre e artes fixas e selectivas como o palangre semipeláxico de pedra-bóla. A prohibición tivo un impacto especialmente relevante na frota de Burela, que leva décadas empregando este sistema para a captura de pescada.
O xerente da OPP-7 Burela e vicepresidente de Cepesca, Sergio López, destacou durante o encontro a importancia económica e social desta actividade para a localidade e reclamou unha modificación urxente da normativa antes de que a redución da actividade poña en risco a continuidade dunha frota especializada neste tipo de pesca.
Segundo os datos presentados polo sector, a aplicación do peche supuxo que arredor do 34 % dos días de pesca realizados por esta frota durante o período de referencia se desenvolvesen en zonas posteriormente pechadas. O impacto traduciuse tamén nunha redución das capturas de pescada e da facturación dos buques afectados.
Os representantes da frota reclamaron, ademais, que se permita realizar novas campañas experimentais dentro das zonas actualmente pechadas, cunha cobertura científica e de observación completa, para ampliar as evidencias dispoñibles sobre o comportamento da arte e a súa interacción real cos fondos.
Durante o encontro, varios eurodeputados coincidiron en que a nova evidencia científica debe permitir corrixir a aplicación da normativa. Francisco José Millán Mon sinalou que o Regulamento 2022/1614 non diferencia suficientemente entre artes con impactos moi distintos e defendeu que a Comisión Europea actúe sen agardar á finalización doutros procedementos.
Tamén Oihane Agirregoitia incidiu na necesidade de aplicar unha regulación baseada no impacto real de cada arte e non nunha clasificación xenérica, mentres que Nora Junco García defendeu que as decisións de política pesqueira deben sustentarse en indicadores e datos científicos. Pola súa banda, Nicolás González Casares reclamou vontade política para acelerar a revisión da medida e evitar efectos desproporcionados sobre as rexións pesqueiras. A sua vez, Ana Miranda defendeu a necesidade de corrixir canto antes unha decisión europea que considera desproporcionada e reclamou que a Comisión teña en conta a evidencia científica e o impacto social e económico sobre o sector pesqueiro galego.
Os participantes reclamaron finalmente que a Comisión Europea acelere a avaliación científica e que, unha vez dispoñibles as conclusións correspondentes, o palangre semipeláxico de pedra-bóla quede claramente diferenciado das artes de pesca de fondo ás que se dirixe a normativa europea.
Pesca sostible e simplificación
A xornada serviu tamén para reivindicar unha maior simplificación da normativa pesqueira europea e un recoñecemento dos esforzos realizados polo sector para avanzar cara a modelos de pesca máis selectivos e sostibles.
Os representantes galegos defenderon que as futuras decisións da Política Pesqueira Común deben combinar adecuadamente os criterios ambientais, sociais e económicos, evitando medidas xeneralizadas que non teñan en conta as características específicas de cada arte e de cada frota.
Neste sentido, destacou a necesidade de que a Comisión Europea basee as súas decisións na mellor evidencia científica dispoñible e manteña un diálogo efectivo co sector pesqueiro, especialmente cando as medidas adoptadas teñen un impacto directo sobre a actividade económica e o emprego de determinadas rexións.
Fonte: Xunta de Galicia