A Comisión Europea presenta as súas inciativas para os primeiros cen días de mandato - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

Bruxelas, 10 de decembro de 2024. O pasado 27 de novembro o Parlamento Europeo votou a favor de aprobar o novo Colexio de Comisarios para o mandato 2024-2029, e o cal tomou posesión o pasado 1 de decembro. Na votación, que tivo lugar en Estrasburgo, os eurodeputados entregaron a súa confianza ao novo equipo presentado pola presidenta Úrsula von der Leyen .

Na súa intervención ante o Pleno do Parlamento Europeo, a presidenta von der Leyen presentou o seu equipo e expuxo a súa visión de Europa nos próximos cinco anos. Como motor clave de esta visión, a presidenta da Comisión Europea destacou a liberdade, “… porque loitar pola liberdade nos conecta como europeos. O noso pasado e o noso presente. As nosas nacións e as nosas xeracións. Para [ela], esta é a razón de ser da nosa Unión e segue sendo o seu motor máis que nunca hoxe”. Por esta razón, von der Leyen recordou ao público que a liberdade debe ser nutrida e protexida, o que significa facer eleccións.

Estas eleccións das que von der Leyen se fai eco están reflectidas nas prioridades da nova Comisión para os primeiros 100 días de mandato, e son as seguintes:

Compás de Competitividade

O Compás de Competitividade é unha iniciativa dirixida a reflectir sobre diversos aspectos que afectan á competitividade da Unión Europea. A iniciativa construirase sobre os tres piares do informe Draghi, e que son 1) pechar a brecha de innovación con Estados Unidos e China, 2) a necesidade dun plan conxunto de descarbonización e competitividade, e 3) aumentar a seguridade e reducir as dependencias.

Pacto para unha Industria Limpa

Tras a revisión do marco lexislativo para adaptalo aos obxectivos medioambientais e climáticos do Pacto Verde, a prioridade neste novo mandato pasa por asegurar a súa execución sen reducir a competitividade dos diferentes sectores industriais. Para isto, a presidenta da Comisión encargoulle a Stéphane Séjourné, vicepresidente de Prosperidade e Estratexia Industria, traballar xunto ao comisario de Clima e Crecemento Limpo e Cero Emisións Netas, Wopke Hoekstra, neste pacto con especial énfase na descarbonización, o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e o fomento dos investimentos. Este plan deberá basearse nos Diálogos para a Transición Limpa y ter en conta ás partes interesadas á hora de desenvolver o seu novo marco normativo.

Plan sobre o Futuro da Industria da Automoción

A presidenta von der Leyen asegurou pretender encargarse persoalmente da elaboración e presentación dun plan que aborde os grandes retos de competitividade aos que o sector da automoción ten que facer fronte en Europa.

Libro Branco sobre o Futuro da Defensa Europea

A presidenta von der Leyen encargoulle á Alta Representante e vicepresidenta da Comisión, Kaja Kallas, e ao comisario de Defensa e Espazo, Andrius Kubillius, o desenvolvemento dunha estratexia que permita adoptar un novo enfoque en relación coa defensa da UE. Este documento tamén deberá identificar as necesidades de inversión que son necesarias para asegurar que a UE e os seus Estados membros estean preparados para as continxencias militares más extremas.

Nova visión para a Agricultura e o Sector da Alimentación

Christophe Hansen, novo comisario de Agricultura e Alimentación deberá preparar esta nova visión en base ás  recomendacións do Diálogo Estratéxico sobre o sector agrícola co fin de asegurar a competitividade e sustentabilidade do sector a longo prazo. A proposta tamén deberá ter en conta aspectos relacionados co desperdicio alimentario, as tecnoloxías innovadoras e a ciencia no sector agroalimentario.

Plan de Acción para a Ciberseguridade nos Hospitais e os Proveedores Médicos

A presidenta von der Leyen encargoulle ao novo comisario de saúde e benestar animal, Olivér Várhel, a redacción deste plan xunto coa vicepresidenta de Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia, co fin reforzar a dixitalización do sector e a súa seguridade.

Primeiro Diálogo sobre a Política de Xuventude

Dentro do seu mandato como comisario de Xustiza Interxeracional, Xuventude, Cultura e Deporte, Glenn Micallef deberá facer un seguimento do Ano Europeo da Xuventude no que se inclúa un análise da execución do comprobante de xuventude. Para iso se coordinará con outras partes os Diálogos sobre a Política de Xuventude, o primeiro dos cales deberá ter lugar nos primeiros 100 días de mandato.

Iniciativa “Fábricas de Intelixencia Artificial”

Como vicepresidenta de Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia, Henna Virkkunen deberá desenvolver unha estratexia sobre intelixencia artificial aplicada que busque incrementar os usos industriais da IA, reforzar a súa seguridade e mellorar os servizos públicos.

Revisión da Política de Adhesión

Marta Ros, como comisaria de Adhesións, deberá presentar nos primeiros 100 días de mandato unha revisión da política de pre-adhesión cun análise individual de diferentes aspectos, tales como o estado de dereito, o mercado único, seguridade alimentaria, defensa e seguridade, clima e enerxía, e migración, así como sobre aspectos económicos, sociais e territoriais máis xerais.

Estratexia de Simplificación Administrativa

Como novo comisario, Valdis Dombrovskis deberá presentar nos primeiros 100 días de mandato unha estratexia que analice todo o acervo comunitario existente e propoña medidas para eliminar duplicidades. O principal obxectivo é reducir as cargas administrativas, principalmente ás PEMEs, e avanzar así na consecución dunha mellor regulación.

Contexto

Tras as eleccións do pasado mes de xuño, Úrsula von der Leyen foi reelixida presidenta da Comisión Europea. Tras o seu nomeamento, iniciouse o proceso polo cal os diferentes Estados membros propoñen unha persoa para ocupar o cargo de comisario. Tras a aprobación de von der Leyen, os 26 candidatos a comisarios foron examinados o pasado mes de novembro polas diferentes comisións do Parlamento Europeo en base á carteira que lle foi atribuída pola presidencia da Comisión. Tras a aceptación de todos os candidatos, o pasado 27 de novembro o Colexio de Comisarios foi aprobado polo Pleno do Parlamento Europeo nun acto onde a presidenta von der Leyen presentou as diferentes iniciativas que se desenvolverán nos primeiros cen días de mandato.

Detalles de contacto
Ismael Pérez