Comezamos 2026 facéndonos eco da posta en marcha de dous plans europeos moi esperados nos seus respectivos sectores. Por un lado, o paquete europeo para o automóbil, que flexibiliza o obxectivo inicial de redución de emisións para manter a competitividade industrial nun sector que representa o 14 % do PIB de Galicia. Por outro, o primeiro Plan europeo para unha vivenda accesible propón varias medidas para aumentar a oferta de vivendas, apoiar os máis afectados, impulsar o investimento e as reformas, e limitar os alugueiros vacacionais en zonas con dificultades de vivenda.
Sendo a mocidade un dos colectivos máis expostos á crise da vivenda, na“Análise FGE” deste mes detémonos nas políticas que dende a UE e dende Galicia buscan responder aos seus desafíos actuais. E en EuroXuventude lembramos a convocatoria actual da bolsa de prácticas da FGE en Bruxelas.
No apartado “Convocatorias”, chamamos a atención sobre a nova edición dos Premios Capital Verde Europea e Folla Verde Europea 2028, aos que poden presentarse os municipios galegos de máis de 20.000 habitantes, ademais da convocatoria de axudas para a promoción dos produtos agroalimentarios de calidade.
Por último, animamos á participación galega, a primeiros de marzo, na terceira edición dos Días Europeos dos Océanos, nos que se falará da futura estratexia integral para as comunidades costeiras e da revisión da normativa sobre protección do medio mariño, para a que tamén se pode responder á consulta pública en liña.
Boa lectura!