— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a sesión, moderada pola directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.
— Ana Fernández Perles, en representación do Parlamento Europeo, e Lara Meneses, directora xeral de Xuventude, achegaron as perspectivas europea e galega.
— A sesión contou tamén coa participación de entidades e profesionais vinculados á mocidade, reforzando o diálogo entre institucións e actores sociais.
Bruxelas, 1 de decembro de 2025 – O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o ciclo impulsado pola Fundación Galicia Europa (FGE) dende o ano 2020 para reforzar o diálogo entre o Goberno galego e as institucións europeas. A directora da oficina de Bruxelas da FGE, Ana Ramos, foi a encargada de moderar a sesión, dedicada nesta ocasión ás prioridades da política europea de xuventude.
Durante a súa intervención, Jesús Gamallo salientou que a UE está a consolidar unha axenda ambiciosa para apoiar as novas xeracións, especialmente no ámbito da mobilidade, a participación democrática, a educación non formal e o acceso a oportunidades profesionais. Tamén subliñou o papel crecente da mocidade nos debates estratéxicos da UE. “Galicia comparte plenamente esta visión”, afirmou, destacando a importancia de aliñar as políticas autonómicas cos obxectivos europeos para garantir máis oportunidades para a mocidade galega .
Dende os seus comezos, a FGE recoñeceu á xuventude galega como unha das principais destinatarias da súa actividade
Ana Fernández Perles, xefa de unidade da Secretaría da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo, repasou as liñas prioritarias da política de xuventude da UE e subliñou a necesidade tanto de reforzar a participación xuvenil na vida democrática europea como de apoiar as iniciativas locais que conectan ás persoas novas coa realidade das institucións europeas. Pola súa banda, Lara Meneses, directora xeral de Xuventude, presentou o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2025-2027, que establece as prioridades autonómicas en materia de formación, benestar e emancipación das persoas mozas. O plan prevé accións para mellorar o acceso a oportunidades educativas e profesionais, fortalecer o acompañamento á mocidade e impulsar programas que favorezan a súa participación activa na sociedade.
Esta sesión contou ademais coa participación de entidades e profesionais que traballan directamente coa xuventude en Galicia, o que permitiu abrir un diálogo directo entre institucións europeas, administración autonómica e tecido asociativo. Un enfoque que, segundo destacou Ana Ramos, reforza o labor da Fundación Galicia Europa en favor da participación da mocidade galega nas políticas e programas europeos, especialmente a través de EuroXuventude, un ecosistema integral de iniciativas que inclúe unha oficina virtual de información sobre oportunidades europeas, unha guía anual de prácticas e saídas profesionais na UE, presenza activa en redes sociais e a participación en proxectos europeos como RuralYouthFuture ou Incubtrans.
Encontros virtuais Xunta-UE
Máis de 700 representantes da Xunta participaron nas 50 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, celebrados dende 2020. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.