Máis de 40 estudantes participan no debate universitario organizado por Europe Direct Galicia con motivo do Día de Europa
05/05/2026 | Europe Direct Galicia
— Estudantes da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC participaron neste debate que abordou cuestións como o contexto xeopolítico actual, a competitividade europea e a evolución social de Galicia dentro da UE
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026. Europe Direct Galicia iniciou esta semana a programación do Día de Europa coa celebración dun debate universitario na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título ’40 anos de Galicia na UE’.
Tras unha breve presentación do novo centro Europe Direct Galicia, máis de 40 estudantes de Ciencias Políticas tiveron a oportunidade de debater e intercambiar impresións co director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.
O encontro estivo moderado pola decana da facultade, Marta Lois, e serviu para reflexionar sobre a evolución do proxecto europeo nas últimas décadas e os principais retos aos que se enfronta actualmente a UE. Entre os temas abordados, analizáronse o contexto xeopolítico internacional, a mellora da competitividade europea, o papel da UE como actor global e a situación social de Galicia tras 40 anos formando parte da Unión.
Sobre Europe Direct Galicia
Europe Direct Galicia é un dos centros oficiais de información da Unión Europea en Galicia, xestionado pola Fundación Galicia Europa co apoio da Comisión Europea para o período 2026-2030. Forma parte da rede Europe Direct en España, integrada á súa vez nunha rede europea de centros presentes en toda a Unión que actúan como principal punto de contacto entre a UE e a cidadanía.
Europe Direct Galicia é o primeiro centro Europe Direct de ámbito autonómico na rexión galega e ten como obxectivo achegar a información europea á sociedade de maneira clara, accesible e adaptada ao contexto local. A través deste centro, a cidadanía pode acceder a información sobre as políticas, programas e prioridades da UE e participar no diálogo sobre o impacto e as oportunidades que ofrece a Unión Europea a nivel local.