Xuventude rumbo a Europa

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— Preto de setenta profesionais do ensino, técnicos municipais e representantes do tecido asociativo xuvenil participaron nesta xornada na que puideron coñecer máis sobre programas europeos de formación, mobilidade e participación para a xuventude

Pontevedra, 7 de maio de 2026. Europe Direct Galicia vén de organizar a xornada ‘Xuventude rumbo a Europa: Recursos da Unión Europea para a xuventude’ en colaboración coa Deputación de Pontevedra, cunha ampla participación de profesionais do ámbito educativo, persoal técnico municipal de xuventude e representantes de asociacións xuvenís da provincia.

Preto de setenta asistentes déronse cita no pazo da Deputación de Pontevedra co obxectivo de coñecer máis sobre os programas e iniciativas que a Unión Europea pon á disposición da mocidade en ámbitos como a formación, o emprego, a mobilidade ou a participación cidadá.

O obradoiro, impartido por responsables da Fundación Galicia Europa, de Europe Direct Galicia e da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ofreceu unha visión práctica dos recursos europeos destinados á xuventude, así como do labor desenvolvido polo novo centro Europe Direct Galicia como punto de información e contacto entre a Unión Europea e a cidadanía galega.

Durante a sesión presentáronse diferentes iniciativas europeas dirixidas á mocidade, como o Corpo Europeo de Solidariedade, DiscoverEU, a Semana Europea da Xuventude, EURES, o Diálogo da UE coa Xuventude ou o programa Mozos Xornalistas en Europa.

A xornada serviu tamén para reflexionar sobre as oportunidades que ofrece a Unión Europea á mocidade galega nun contexto marcado pola celebración dos 40 anos da entrada de Galicia na UE, poñendo o foco na importancia da formación, da mobilidade internacional e da participación xuvenil na construción do proxecto europeo.

Sobre Europe Direct Galicia

Europe Direct Galicia é un dos centros oficiais de información da Unión Europea en Galicia, xestionado pola Fundación Galicia Europa co apoio da Comisión Europea para o período 2026-2030. Forma parte da rede Europe Direct en España, integrada á súa vez nunha rede europea de centros presentes en toda a Unión que actúan como principal punto de contacto entre a UE e a cidadanía.

Europe Direct Galicia é o primeiro centro Europe Direct de ámbito autonómico na rexión galega e ten como obxectivo achegar a información europea á sociedade de maneira clara, accesible e adaptada ao contexto local. A través deste centro, a cidadanía pode acceder a información sobre as políticas, programas e prioridades da UE e participar no diálogo sobre o impacto e as oportunidades que ofrece a Unión Europea a nivel local.

Recapiti
David Dopazo