— A participación da entidade galega reforza a súa posición nos procesos de innovación financeira europeos e contribuirá á creación de novas solucións de pagamento dixital
Bruxelas, 16 de xullo de 2026. ABANCA, entidade financeira galega e patrono da Fundación Galicia Europa (FGE), foi seleccionada para participar no proxecto piloto do euro dixital promovido polo Eurosistema, dentro dunha alianza integrada tamén por Ibercaja, Unicaja, Cecabank, Bizum e Deloitte. O obxectivo desta iniciativa é avanzar no desenvolvemento da futura moeda dixital europea e probar novas ferramentas de pagamento nun entorno real.
O euro dixital é un dos proxectos estratéxicos do Eurosistema para adaptar o diñeiro público á crecente dixitalización da economía. A iniciativa busca garantir que cidadáns e empresas poidan seguir dispoñendo de diñeiro emitido polo banco central, ao tempo que se impulsa a innovación nos medios de pagamento e se reforza a autonomía financeira europea.
Nesta fase do proxecto realizaranse probas en contornas produtivas para avaliar o funcionamento da tecnoloxía e a experiencia de usuario. Entre os casos de uso previstos están os pagos entre particulares, as compras en liña e nos comercios físicos, así como operacións sen conexión a internet para comprobar o rendemento do sistema en situacións de falta de conectividade.
Segundo o calendario previsto, o piloto terá unha duración aproximada de doce meses e comezará durante o segundo semestre de 2027 coa participación de empregados dos bancos centrais do Eurosistema e dunha selección de establecementos comerciais.
Fonte: ABANCA