Chegamos á pausa estival cunha actualidade europea marcada pola transformación industrial e a soberanía tecnolóxica. Neste número destacamos os 2,7 millóns de euros mobilizados pola UE para apoiar a recolocación de traballadores da automoción galega, así como o novo Plan de Acción para a Electrificación, co que Europa busca mellorar a súa competitividade, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e avanzar cara a unha enerxía máis limpa. A autonomía europea tamén ocupa un lugar central, con novas medidas destinadas a reforzar a soberanía tecnolóxica.
No apartado de Galicia na UE, recollemos a participación de ABANCA nas probas piloto do euro dixital, a defensa en Bruxelas dun maior protagonismo das rexións na transformación da industria de defensa e a celebración dun novo Encontro Virtual Xunta-UE dedicado á axenda social europea. A mocidade rural tamén ten un papel destacado, coas novas actividades do proxecto RuralYouthFuture e a incorporación dunha voluntaria IVY á Fundación Galicia Europa.
Ademais, pensando xa na volta das vacacións, compartimos recursos educativos europeos para o novo curso e avanzamos algunhas das principais citas do outono, centradas nas rexións, na innovación rural e no hidróxeno. Como é habitual, incluímos tamén unha selección de consultas públicas nas que a cidadanía e as entidades galegas aínda poden participar.
Tamén podes consultar as últimas convocatorias europeas no noso novo Boletín de Financiamento, ao que te invitamos a subscribirte.
Boa lectura e feliz verán!