— Diego Calvo participou no segundo destes encontros cos que a Xunta pretende dar a coñecer a experiencia de referentes en distintos ámbitos que levan o selo galego polo mundo e reforzar a proxección da marca Galicia Calidade
— O conselleiro destacou os 120 anos de traxectoria de Hijos de Rivera e a súa expansión internacional sen perder a vinculación con Galicia. No diálogo abordáronse tamén o papel de Europa na estratexia da compañía e as medidas que pode impulsar a UE para reforzar a competitividade empresarial
Brxelas, 3 de novembro de 2026. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Javier Abad, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou nunha nova edición do ciclo «Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas».
Nesta ocasión, o encontro estivo protagonizado por Ignacio Rivera, presidente executivo da Corporación Hijos de Rivera, unha compañía familiar con 120 anos de traxectoria que, como explicou o conselleiro, soubo adaptarse ao longo de catro xeracións aos novos tempos. A empresa combina tradición e innovación para competir nos mercados internacionais sen perder as súas raíces galegas, que constitúen un dos seus principais sinais de identidade e diferenciación.
A expansión internacional de Hijos de Rivera
O diálogo permitiu abordar, entre outros asuntos, a estratexia de expansión internacional de Hijos de Rivera. Ignacio Rivera compartiu, desde a experiencia da compañía e a perspectiva empresarial, o papel que desempeña Europa na súa estratexia de internacionalización e a súa visión sobre as medidas que pode impulsar a Unión Europea para reforzar a competitividade e favorecer o crecemento das empresas.
Calvo agradeceu a Ignacio Rivera a súa presenza no ciclo «Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas» e destacou que «empresas como Hijos de Rivera son exemplo desa Galicia Calidade que defende o seu e exporta ao mundo talento e innovación, amosando con orgullo quen somos».
Este segundo encontro contribuíu a achegar a realidade do tecido empresarial aos galegos que traballan nas institucións e entidades europeas e a favorecer o intercambio de coñecemento sobre cuestións estratéxicas para o desenvolvemento económico de Galicia.
Un espazo para conectar Galicia con Europa
O ciclo, organizado pola Xunta a través da Fundación Galicia Europa, naceu co obxectivo de conectar talento, compartir experiencias e promover o diálogo sobre asuntos estratéxicos para Galicia e Europa, como a innovación, a competitividade económica, a sustentabilidade ou os retos sociais.
A través destas conversas, a Xunta busca dar a coñecer referentes de distintos ámbitos que representan a capacidade de Galicia para innovar, competir e xerar oportunidades. O obxectivo último é seguir proxectando unha Galicia Calidade construída entre todos, que combina a excelencia e a apertura internacional coa identidade e os valores propios.
Máis información: Xunta de Galicia