— O acordo alcanzado polo Consello e o Parlamento introduce modificacións que aclaran a quen corresponde a responsabilidad nos procesos de investigación e decisión.
Bruxelas, 18 de marzo de 2024. O Consello e o Parlamento Europeo alcanzaron un acordo provisional o pasado día 5 de marzo sobre o Regulamento polo que se prohiben no mercado da UE os produtos fabricados con traballo forzoso. O acordo provisional alcanzado entre os dous colexisladores apoia o obxectivo principal da proposta de prohibir a introdución e comercialización no mercado da UE e a exportación desde o mercado comunitario de todo produto realizado con traballo forzoso.
O acordo introduce modificacións importantes á proposta orixinal, que aclaran as responsabilidades da Comisión Europeas e das autoridades nacionais competentes no proceso de investigación e decisión.
Os colexisladores acordaron que, para facilitar a aplicación deste regulamento, a Comisión creará unha base de datos que conterá información verificable e actualizada periodicamente sobre os riscos de traballo forzoso, incluídos informes das organizacións internacionais (como a Organización Internacional do Traballo). A base de datos debe apoiar o traballo da Comisión e das autoridades nacionais competentes na valoración de posibles infraccións do presente Regulamento.
Enfoque baseado no risco
O acordo provisional establece uns criterios claros que deben aplicar a Comisión e as autoridades nacionais competentes á hora de valorar a probabilidade de infraccións do regulamento. Estes criterios son os seguintes:
- A magnitude e a gravidade do presunto traballo forzoso, mesmo se cabe a preocupación de que o traballo forzoso sexa imposto polo Estado.
- A cantidade ou o volume dos produtos introducidos ou comercializados no mercado da Unión.
- A proporción das pezas do produto feitas probablemente con traballo forzoso no produto final.
- A proximidade dos axentes económicos aos riscos de traballo forzoso que se sospeita existen na súa cadea de subministración, así como a súa influencia para abordalos.
A Comisión publicará unhas directrices destinadas aos axentes económicos e as autoridades competentes para que les axuden a cumprir os requisitos do regulamento, incluídas as mellores prácticas para poñer fin aos distintos tipos de traballo forzoso e reparalos. Estas directrices tamén incluirán medidas de acompañamento para as microempresas e as pequenas e medianas empresas, que poderán consultarse a través do portal único sobre o traballo forzoso.
Quen dirixirá as investigacións?
O acordo alcanzado polos dous colexisladores establece os criterios para determinar que autoridade debe dirixir as investigacións. Fóra do territorio da UE dirixirá as investigacións a Comisión Europea, mais cando os riscos estean no territorio dun Estado membro, asumirá a dirección das investigacións a autoridade nacional competente.
Se as autoridades competentes, ao valorar a probabilidade de infraccións do regulamento, descobren novas informacións sobre presunto traballo forzoso, deben informar á autoridade competente doutros Estados membros, sempre que o presunto traballo forzoso estea a producirse no territorio do devandito Estado membro. Do mesmo xeito, deben informar á Comisión se o presunto traballo forzoso se produce fóra da UE.
O acordo alcanzado hoxe garante que os operadores económicos poidan ser oídos en todas as fases da investigación, segundo proceda. Así mesmo garante que se teña en conta tamén outras informacións pertinentes.
Decisións definitivas
A decisión definitiva (é dicir, prohibir, retirar e eliminar un produto realizado con traballo forzoso) será adoptada pola autoridade que dirixise a investigación. A decisión adoptada por unha autoridade nacional aplicarase en todos os demais Estados membros conforme ao principio do recoñecemento mutuo.
Nos casos de riscos para a subministración de produtos esenciais realizados con traballo forzoso, a autoridade competente pode decidir non impoñer a súa eliminación e ordenar, en cambio, ao axente económico que reteña o produto ata que poida demostrar que xa non existe traballo forzoso nas súas operacións ou nas súas respectivas cadeas de subministración. O acordo provisional aclara que, se unha peza do produto que se considera infrinxe o presente regulamento é sustituible, a orde de eliminación aplícase unicamente á peza en cuestión.
Contexto
Aproximadamente 27,6 millóns de persoas atópanse en situación de traballo forzoso en todo o mundo, en moitos sectores e en todos os continentes. A maior parte do traballo forzoso ten lugar na economía privada, aínda que nalgúns casos é imposto polas autoridades públicas.
O 14 de setembro de 2022, a Comisión presentou a súa proposta de Regulamento polo que se prohiben na UE os produtos realizados con traballo forzoso. O Consello adoptou a súa posición de negociación sobre a norma o 26 de xaneiro de 2024.
O acordo provisional alcanzado co Parlamento Europeo debe ser agora referendado e adoptado formalmente por ambas as institucións.
Máis información: Consello da UE