A Estratexia de Mobilidade Alternativa de Galicia, premiada nos #ERSCAwards24 da Comisión Europea - Fundación Galicia Europa

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— A rede de sendas peonís e ciclistas das estradas da Xunta recibiu o galardón Excellence in Road Safety na categoría de mellores proxectos de protección a peóns e ciclistas

Bruxelas, 14 de novembro de 2024. A rede de sendas peonís e ciclistas nas estradas da Xunta, desenvolvida no marco da Estratexia de Mobilidade Alternativa de Galicia, foi distinguida co premio Excellence in Road Safety na categoría de mellores proxectos de apoio á seguridade viaria para usuarios vulnerables: peóns e ciclistas. Estes galardóns son convocados pola European Road Safety Charter, unha comunidade de máis de 4.000 entidades e persoas impulsada pola Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea para promover melloras na seguridade viaria en toda a UE.

O xefe da área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Héctor Presas Veiga, foi o encargado de recibir o premio en Bruxelas. Esta entidade  promoveu nos últimos anos preto de 300 km de sendas peonís, ciclistas e beirarrúas, contando ademais co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As sendas peonís e ciclistas executadas pola Xunta para permitir a circulación separada de vehículos e peóns. Deste xeito, mellórase a seguridade viaria e proporciónase un itinerario cómodo e seguro. Nos estudos de aforo realizados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comprobouse que coa execución destas instalacións minimízase o risco de atropelos e de accidentes provocados pola interferencia destes usuarios. Ademais, non se produciron atropelos naqueles tramos onde se dispuxeron sendas peonís e reduciuse o uso de vehículos automóbiles, co conseguinte beneficio ao medio ambiente.

A Xunta segue a traballar no seu obxectivo de favorecer unha mobilidade máis segura, sostible e menos prexudicial para o entorno, coa execución  de máis sendas peonís, que proximamente se presentarán no marco do vindeiro Plan de sendas para as estradas de titularidade autonómica.

Fonte e máis información: A rede de sendas peonís e ciclistas nas estradas da Xunta, recoñecida hoxe nos Premios europeos á excelencia na seguridade vial 2024 (Xunta)

Recapiti
Alejandro Gesto