Galicia defende o papel do Comité Europeo das Rexións na elaboración das políticas comunitarias durante os últimos 30 anos
29/11/2024 | Comité Europeo das Rexións
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e a directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa participaron esta mañá no acto do trixésimo aniversario do CdR organizado pola Delegación española en Logroño
— Jesús Gamallo avaliou a evolución deste órgano consultivo da Unión Europea, destacando os 12 ditames liderados por Galicia
— Galicia asinou a declaración conxunta na que os membros da delegación española se comprometen a seguir traballando a prol do interese das rexións e cidades españolas no marco do CdR
Logroño (A Rioxa), 29 de novembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e a directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, participaron no encontro polo trixésimo aniversario do Comité Europeo das Rexións (CdR) organizado pola Delegación española na capital rioxana. Na súa intervención nunha mesa redonda sobre boas prácticas no CdR, Gamallo deu conta da actividade de Galicia durante os 30 anos de vida desta asemblea, nos que liderou a elaboración de 12 ditames en eidos como a pesca, a política rexional e a cooperación ao desenvolvemento.
O director xeral, como membro español máis veterano neste órgano ao ter participado nel durante máis de 20 anos, resaltou a evolución desta asemblea que dá voz a máis dun millón de representantes electos locais e rexionais en toda a UE. “O CdR é hoxe un actor importante na escena europea, tanto na elaboración das políticas europeas como na súa aplicación. Ademais dos ditames e resolucións políticas que adoptamos, esta asemblea ten cada vez máis peso político como demostran os recentes acordos de cooperación coa Comisión Europea e o Parlamento Europeo, que dan pé a novas oportunidades. O novo presidente do Consello Europeo, o portugués Antonio Costa, é ademais un fervinte defensor deste foro ao que pertenceu”. Os logros e reivindicacións actuais do CdR están plasmados na resolución política adoptada a semana pasada na que se piden reformas ambiciosas da arquitectura institucional para dar un maior recoñecemento a este órgano consultivo da UE.
Gamallo: “O CdR é hoxe un actor importante na escena europea, tanto na elaboración das políticas europeas como na súa aplicación”
Os membros da Delegación española asinaron unha declaración conxunta polo 30 aniversario do Comité Europeo das Rexións que celebra que durante estes anos se consolidase a súa posición institucional no proceso europeo de toma de decisións. Tamén se reivindican como unha parte activa deste proceso e destacan o seu compromiso coa construción europea e co deseño de políticas comunitarias que respecten a cohesión económica e, sobre todo, a cohesión social e territorial.
Na declaración comprométense a seguir traballando neste sentido e solicitan ao CdR que faga o mesmo naquelas áreas que contribúan ao interese das rexións e municipios españois e europeos, especialmente no ámbito das políticas verdes, dixitais, demográficas, sociais e de cohesión. Ademais, defenden os principios de subsidiariedade activa, gobernanza multinivel e “non danar á Cohesión”, apoian a protección dos sectores económicos vulnerables, apostan por unha política de comunicación rexional e local que traslade de maneira clara aos cidadáns a importancia das políticas europeas e avanzan que impulsarán unha visión estratéxica previa á adopción do novo Marco Financeiro Plurianual. Por último, expresan a súa solidariedade cos municipios e rexións afectados pola DANA en España e comprométense a traballar na loita e concienciación contra o cambio climático.
Galicia no CdR
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Galicia forma parte dela dende a súa creación en 1994, que impulsou como membro da anterior Asociación de Rexións Europeas (ARE). A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma galega, o membro titular é o propio presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. No mandato actual (2020-2025), a nosa comunidade participa nas comisións de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e Recursos Naturais (NAT). O vindeiro mandato de cinco anos comezará en febreiro do ano que vén.
Contexto
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Galicia forma parte dela dende a súa creación en 1994, que impulsou como membro da anterior Asociación de Rexións Europeas (ARE). A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma galega, o membro titular é o propio presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. No mandato actual (2020-2025), a nosa comunidade participa nas comisións de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e Recursos Naturais (NAT). O vindeiro mandato de cinco anos comezará en febreiro do ano que vén.