Galicia destaca no CdR o novo Plan Galego de Investigación e Innovación

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

Galicia destaca no Comité das Rexións o novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 con 1.310 millóns de euros de investimento público

15/05/2025 | ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno nº166 do CdR como coordinador da delegación española nesta asemblea

— No debate sobre o Espazo Europeo de Investigación, Jesús Gamallo salientou que, dende o ano 2021, Galicia aumentou o seu gasto total en I+D nun 38%

— Galicia apoiou a resolución sobre o futuro marco financeiro plurianual (MFP), que defende que a política de cohesión manteña polo menos o mesmo importe que no orzamento actual

Bruxelas, 15 de maio de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) número 166, na que se aprobaron cinco ditames de opinión e tres resolucións urxentes, ademais de celebrarse catro debates políticos de alto nivel. No debate sobre o Espazo Europeo de Investigación, Jesús Gamallo destacou que Galicia acaba de presentar o Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027, cun investimento público superior a 1.310 millóns de euros. Dende o ano 2021, Galicia aumentou o seu gasto total en I+D nun 38%.

Segundo explicou o director xeral, trátase dun plan coordinado coas estratexias e mecanismos de financiamento a nivel europeo asentado na biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas, as limpas e a innovación dende a demanda como eixos para a transformación tecnolóxica e social. Entre os seus obxectivos está promover a participación de todo o ecosistema de ciencia e innovación para mobilizar fondos, dar protagonismo ás entidades locais como axentes dinamizadores e simplificar os custos e mellorar a xestión administrativa.

Outro dos puntos máis relevantes para Galicia foi a resolución sobre o futuro marco financeiro plurianual (MFP). A Comisión Europea dará a coñecer a súa proposta o próximo mes de xullo. A resolución aposta por unha política de cohesión que siga tendo polo menos o mesmo financiamento que ata agora. Galicia presentou unha emenda reclamando que este importe sexa aínda maior, ademais de solicitar que se teña en conta o desafío demográfico que afrontan rexións como a nosa e se integren principios transversais como o xénero e a non discriminación. A nosa comunidade tamén aposta por unha maior coordinación coas rexións e unha maior flexibilidade.

A Xunta de Galicia tamén contribuíu, apoiando emendas, nos ditames sobre o papel das cidades e rexións no plan europeo de vivenda accesible, sobre os retos relacionados coa falta de  persoal sanitario e sobre o reforzo da posición dos agricultores na cadea de subministración agroalimentaria.

Contexto

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Durante este mandato, Alfonso Rueda ocupa a presidencia da delegación española, composta por 21 representantes das comunidades autónomas e dos municipios, e unha das vicepresidencias da Mesa.

Máis información: Galicia destaca no Comité das Rexións o novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 con 1.310 M€ de investimento público (Xunta)

Recapiti
Alejandro Gesto