O último pleno do actual mandato do Comité Europeo das Rexións (2020-2025) estivo marcado polo trixésimo aniversario desta asemblea. Logo dun minuto de silencio polas vítimas de Valencia e varias declaracións sobre este asunto, a sesión comezou cun debate sobre os 30 anos do Comité, precedido pola interpretación do himno europeo e a intervención da presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente do Consello Europeo, António Costa. A cita contou coa presenza dos presidentes autonómicos de Cataluña, Aragón, Castela-A Mancha, Navarra e A Rioxa, ademais do ministro de Política Territorial. En total, foron aprobados 12 ditames e unha resolución política.
A Xunta de Galicia presentou 36 emendas a cinco ditames e unha resolución, das que 11 foron aprobadas na súa integridade e 6 de forma parcial. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, interveu para reclamar que, no próximo período orzamentario, as rexións sigan tendo un papel relevante na execución dos fondos estruturais, en liña cunha das emendas que Galicia conseguiu sacar adiante neste pleno.