AFAGA inaugura en Vigo o primeiro centro galego de innovación e atención á lonxevidade 🌼🧠 AFAGA · Alzheimer

Fonte
Compatibilità
Salva(0)
Condividi

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), con sede en Vigo, inaugurou oficialmente esta mañá o primeiro centro de innovación e atención á lonxevidade de Galicia, que aplicará novos enfoques multidisciplinares e transversais de intervención, prevención e formación, incorporando a dixitalización, para adaptar a abordaxe das demencias neurodegenerativas nas súas etapas máis temperás ás novas realidades dos pacientes. O novo “Centro de Innovación Afaga Alzheimer CIAG” de Vigo responde así á necesidade de atender de forma máis personalizada e adaptada aos novos perfís de pacientes emerxentes na sociedade actual, cada vez máis novas, con máis formación e con intereses distintos, que ata o de agora non contaban cun recurso adecuado.

Situado na rúa Faisán, número 10, de Vigo (entre o Centro de Saúde da Dobrada e un Equipo de Valoración e Orientación -EVO-, da Consellería de Política Social), o novo centro de AFAGA ocupa un espazo a pé de rúa de algo máis de 500 m2, cedido pola Xunta de Galicia, ao que AFAGA aplicou unha reforma integral, incluíndo equipamento, valorada nuns 500.000 euros. Con capacidade para atender a 39 persoas en cada un das dúas quendas (mañá e tarde), as instalacións dispoñen, entre outros espazos, de distintas salas polivalentes para o uso de novas tecnoloxías como, por exemplo, a realidade virtual inmersiva aplicada á fisioterapia, ademais de contar cunha terraza exterior e un horto terapéutico.

O novo centro vigués podería converterse ademais no punto central do proxecto europeo transfronteirizo Innov4Life, que desenvolve un consorcio hispano-portugués no que AFAGA participa, para desenvolver solucións dixitais innovadoras para persoas afectadas por demencia e deterioración cognitivo. Este proxecto, dotado cun financiamento de 1,5 M€, contempla a posta en marcha de senllos Living Lab ou laboratorios de ideas en Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Arriba de Ave (Portugal), para probar e validar solucións dixitais que melloren a calidade de vida das persoas con demencias.

Atrasar a deterioración cognitiva con innovación, prevención e formación

Concibido como un recurso para atrasar o avance da deterioración cognitiva, o Centro de Innovación Afaga Alzheimer CIAG dispón de catro unidades principais: terapéutica de atención a persoas con demencia; de apoio integral á contorna familiar e convivencial; de innovación e formación; e de prevención e sensibilización. Conta, ademais, cun equipo multidisciplinar, integrado por unha terapeuta ocupacional, psicóloga sanitaria, graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, traballadora social e un grupo de auxiliares.

“Con este centro, enfocado en abordar os retos da lonxevidade, queremos converter a Vigo nun polo de innovación e coñecemento, para desenvolver novas intervencións e respostas ás demencias neurodegenerativas. Queremos, ademais, que o novo centro sexa a punta de lanza sobre o que pivote o futuro Living Lab que se instalará en Vigo, no marco do proxecto transfronteirizo Innova4life que presentamos hai uns meses. A cidade conta cun bo ecosistema dos coidados, sendo berce de grandes grupos de servizos de atención ás persoas maiores, de empresas tecnolóxicas innovadoras, e coa Universidade de Vigo. É unha contorna estratéxica, entre Galicia e Portugal, e o epicentro para abordar novos retos de lonxevidade e anticiparnos ao que vai suceder no resto de Europa. En Galicia hai 58.049 casos de demencia e a área sanitaria de Vigo é a máis afectada, con máis de 10.000 casos”, destacou o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez.

“Queriamos crear un recurso diferente para perfís das novas realidades, que son máis conscientes do trastorno neurocognitivo, cunha contorna socioeconómica normalizada, que se preguntan que teño que facer para atrasar a deterioración cognitiva? —engade a directora técnica de proxectos de AFAGA, Maxi Rodríguez— e para os que ata o de agora non había unha resposta adaptada. É un centro de encontro, con dinámicas fluídas, aberto, para grupos reducidos, aos que acompañamos emocionalmente, pero de forma respectuosa, para manter a súa cotiandade, a súa autonomía, propoñéndolles proxectos do seu interese como a arte, a lectura ou actividades físicas. Damos, ademais, soporte á súa rede de apoio familiar ou de amigos, que do mesmo xeito que os pacientes, proveñen destas novas realidades”.

Pola súa banda, a directora territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou durante a súa intervención o gran labor de AFAGA durante os últimos 30 anos e puxo en valor a innovación en terapias que desde este centro están a dirixirse a atender a novos perfís emerxentes na sociedade.

O alcalde Abel Caballero pechou as intervencións cun discurso no que lembrou cando o ex-político Pasquall Maragall anunciou o seu diagnóstico de Alzheimer e “fíxonos sentir o que significa esta enfermidade para as persoas e as súas familias. Eles son quen debe ter toda a atención que necesitan; é unha cuestión de dereitos”.

Seguidamente, autoridades e asistentes realizaron unha visita ás novas instalacións, durante a cal se interesaron polos innovadores programas, terapias e actividades que AFAGA desenvolve no novo centro. Finalmente, o coro Sons da Memoria, da Fundación Coral Casabranca, integrado por persoas usuarias de AFAGA e os seus coidadores e familiares, ademais de profesionais e voluntarios da asociación, pechou o acto de inauguración coa interpretación de varias cancións tradicionais.

Sobre AFAGA

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hoxe hai 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, ademais de estimular e colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodegenerativas. En 2023, AFAGA atendeu a 3.263 persoas, das cales 451 eran usuarios con demencia, e 776 participan en programas de prevención á deterioración, en 30 localizacións de 14 concellos da provincia de Pontevedra.

Recapiti
Afaga