Catro empresas optan á adxudicación das obras de mellora da Rúa do Forte e o Vial de Praias - Concello de Marín

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

Trátase de xerar un itinerario peonil e ciclista seguro e accesible desde o casco urbano ata a Praia de Mogor nesta segunda fase, cunha inversión de máis de 564.000 euros a cargo do Plan de Sostibilidade Turística

Marín, 17 febreiro 2025

A licitación para a mellora da conexión entre a Rúa do Forte e o Vial de Praias, que é un dos proxectos máis importantes do Plan de Sostibilidade Turística (financiado polo Fondo de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea), recibiu catro ofertas de empresas.

A Mesa de Contratación volverase reunir para facer a adxudicación definitiva e, polo tanto, poder iniciar as obras, que consistirán na creación dun itinerario peonil e ciclista seguro e cunha maior accesibilidade, desde o casco urbano de Marín ata o Porto de Aguete. Debemos ter en conta que xa contamos cun carril bici continuo desde o linde con Cantodarea ata a Praza de España.

Despois de que se realizase esa primeira fase, correspondente á primeira parte da Rúa do Forte, agora actuarase desde o punto onde se rematou a humanización anterior desta rúa ata a Praia de Mogor.

No que respecta á zona da Rúa do Forte, as carencias en materia de mobilidade son moi visibiles. As beirarrúas son irregulares, con moitas zonas estreitas e en mal estado; o pavimento está moi desgastado, é preciso renovar a rede de saneamento e o alumeado é deficiente.

Para poder mellorar todas estas deficiencias e garantir a seguridade, na zona de subida antes do cruce eliminarase a liña de estacionamento que actualmente ocupa parte da calzada para poder anchear a zona peonil e ciclista.

Desde ese punto e ata prácticamente a entrada de Portocelo da Escola Naval Militar, o uso será de trazado compartido entre as bicicletas e os peóns. Despois, disgregaranse en dúas seccións diferenciadas, dun xeito similar a como se realizou na Avenida de Ourense.

Ademais, colocaranse redutores de velocidade e todo o alumeado pasará a ser de tecnoloxía LED. O obxectivo con esta fase é chegar á altura do Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor.

O custe da intervención ascende aos 564.000 euros.

Recapiti
Concello de Marín