— O documento senta as bases dun sistema agroalimetnario atractivo, competitivo, resiliente, orientado ao futuro e xusto para as xeracións actuais e futuras
— Máis adiante, a Comisión proporá un paquete global de simplificación do actual marco lexislativo agrícola, xunto cunha estratexia dixital da UE para a agricultura
Bruxelas, 19 de febreiro de 2025. A Comisión presentou a súa visión para a agricultura e a alimentación, unha ambiciosa folla de ruta sobre o futuro da agricultura e a alimentación en Europa. Esta folla de ruta senta as bases dun sistema agroalimentario atractivo, competitivo, resiliente, orientado ao futuro e xusto para as xeracións actuais e futuras de agricultores e axentes económicos do sector agroalimentario.
Simplificar en maior medida as nosas estratexias e aumentar a adopción da innovación e a dixitalización son requisitos previos de todas as medidas planeadas na visión. Máis adiante en 2025, a Comisión proporá un paquete global de simplificación do actual marco lexislativo agrícola, xunto cunha estratexia dixital da UE para a agricultura, a fin de apoiar a transición cara unha agricultura adaptada á dixitalización.
En palabras da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, “os nosos agricultores ocupan un lugar central no sistema de produción de alimentos da UE”. “Grazas ao seu duro traballo cotiá”, engadiu, “todos temos alimentos seguros e de alta calidade”. “Porén, os nosos agricultores”, explicou, “sofren dificultades crecentes derivadas da competencia mundial e do cambio climático”. “Esta é a razón”, concluíu, “pola que hoxe propoñemos unha estratexia global que fará que a agricultura sexa máis atractiva, máis resiliente e máis sostible”.
A visión esboza catro ámbitos prioritarios:
- Un sector atractivo: A agricultura debe ter a estabilidade necesaria para animar aos mozos a acceder á profesión, tamén mediante uns ingresos xustos e axudas públicas mellor orientadas. Tamén deben recibir apoio activo para aproveitar os beneficios da innovación e os novos modelos de negocio, incluídos os créditos de carbono e á natureza, como fontes complementarias de ingresos. A Comisión ambiciona que os agricultores non se vexan obrigados a vender sistemáticamente os seus produtos por debaixo dos custos de produción, e adoptará medidas concretas a tal fin, por exemplo, mediante a revisión da Directiva sobre as prácticas comerciais desleais. A Comisión tamén presentará unha estratexia de renovación xeracional en 2025, con recomendacións sobre as medidas necesarias, tanto a nivel da UE como nacional ou rexional, para despexar os obstáculos ao acceso de mozos e novas persoas á profesión.
- Un sector competitivo e resiliente: A UE seguirá dando prioridade á seguridade e á soberanía alimentarias de diversas maneiras. Sacarase todo o partido das negociacións e dos acordos comerciais, protexendo ao mesmo tempo os intereses dos agricultores europeos. A visión tamén responde ás peticións dos agricultores, os cidadáns e a sociedade en xeral dunha maior harmonización das normas de produción dos produtos importados, a fin de garantir que as ambiciosas normas da UE non se traduzan en desvantaxe competitiva, respectando as normas internacionais. Por este motivo, a Comisión empezará a tomar medidas en 2025 para avaliar o impacto dunha maior coherencia das normas no que respecta aos praguicidas perigosos prohibidos na UE e ao benestar animal. Ademais, a aplicación e os controis rigorosos das normas de seguridade alimentaria seguen sendo unha prioridade non negociable. A Comisión fará aínda máis fincapé na gandaría para fomentar o futuro a longo prazo do sector.
- Un sector preparado para o futuro: O sector agrícola europeo desempeña un papel importante na transición cara unha economía hipocarbónica. A visión recoñece a necesidade de conciliar a acción polo clima coa seguridade alimentaria e os retos específicos aos que se enfronta o sector. Debe recompensarse aos agricultores por adoptar prácticas respectuosas coa natureza. A este respecto, a Comisión estudará detidamente calquera nova prohibición do uso de praguicidas se non se dispón de alternativas nun prazo razoable e racionalizará o acceso aos praguicidas biolóxicos no mercado da UE. A Comisión tamén elaborará un sistema voluntario de avaliación comparativa, a “brúxula de sostibilidade das explotacións”, para axudar aos agricultores a medir e mellorar os resultados das súas explotacións. Tamén se elaborará unha estratexia de resiliencia hídrica para satisfacer a necesidade acuciante de usos máis eficientes da auga.
- Condicións de vida e de traballo xustas nas zonas rurais: A Comisión presentará un Plan de Acción Rural actualizado para velar por que as zonas rurais sigan sendo dinámicas e funcionais e estando profundamente vinculadas ao patrimonio cultural e natural da UE. Tamén se entaboará un diálogo anual sobre a alimentación cunha ampla variedade de interlocutores, tales como consumidores, agricultores, industria e autoridades públicas, a fin de atopar solucións a cuestións como a asequibilidade dos alimentos e a innovación. A Comisión tamén estudará detidamente, de cara ao futuro, a redución do desperdicio de alimentos e a resposta ás inquedanzas da sociedade en relación co benestar animal.
A futura política agrícola común (PAC), dentro da próxima proposta de marco financeiro plurianual (MFP), será máis sinxela e máis específica, cun apoio máis orientado aos agricultores dedicados activamente á produción de alimentos e prestando especial atención aos mozos agricultores e aos agricultores de zonas con limitacións naturais. Darase prioridade aos incentivos en lugar de ás condicións.
Contexto
A visión para a agricultura e a alimentación propúxose como iniciativa prioritaria para os cen primeiros días do mandato da Comisión e a lideran o vicepresidente executivo Fitto e o comisario Hansen, baixo a dirección da presidenta Von der Leyen. Sobre a base do informe do diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura da UE, e en consulta co Consello Europeo de Agricultura e Alimentación, a visión ten por obxecto garantir a competitividade e sostibilidade a longo prazo do sector agrícola e alimentario da UE. Segundo os últimos resultados do Eurobarómetro, os cidadáns da UE coinciden maioritariamente en que é esencial garantir en todo momento unha subministración estable de alimentos na UE.
Fonte: A Comisión presenta a súa folla de ruta para un sector agrícola e agroalimentario próspero na UE (Comisión Europea)
Máis información:
Preguntas e respostas sobre a visión para a agricultura e a alimentación
Comunicación: Visión para a agricultura e a alimentación