Inscríbete xa ao curso de financiamento comunitario TecEuropa

Fonte
Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— Durante o próximo mes poden presentarse as solicitudes para participar na 22ª edición deste programa de referencia en Galicia que se celebrará de maneira presencial na capital comunitaria entre o 23 e o 26 de xuño.

— Os 20 participantes, seleccionados entre o persoal de entidades públicas e privadas, recibirán 750 euros de axuda para sufragar o seu desprazamento e estancia en Bruxelas

Bruxelas, 20 de marzo de 2025. O Diario Oficial de Galicia publicou o mércores 19 de marzo a convocatoria da 22ª edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia promovido pola Fundación Galicia Europa.

O programa celebrarase de maneira presencial en Bruxelas entre o 23 e o 26 de xuño. As solicitudes poderán presentarse a partir do 20 de marzo só a través de medios electrónicos durante o próximo mes, ata o vindeiro 21 de abril. 

En total, seleccionarase a 20 persoas para participar no programa: dez entre o persoal das entidades que forman parte do padroado da Fundación Galicia Europa, cinco entre o persoal das entidades locais galegas, e outras cinco do resto de entidades públicas e privadas, con ou sen ánimo de lucro, que teñan domicilio social e realicen a maioría da súa actividade en Galicia. 

Axudas para asistir a TecEuropa

A asistencia ás actividades do curso é gratuíta, e ademais os 20 seleccionados recibirán unha axuda de 750 euros para financiar o seu desprazamento e estancia en Bruxelas. Serán elixidos tendo en conta a súa experiencia en proxectos europeos e a súa formación en asuntos comunitarios e fondos estruturais, ademais do seu coñecemento das linguas inglesa e francesa. 

Ao longo de catro xornadas, os asistentes abordarán, da man de especialistas e representantes comunitarios, todos os aspectos relativos á política rexional e a posta en marcha das transicións verde e dixital. Tamén poderán identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa ou Life. Ademais, visitarán as principais institucións comunitarias. 

TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades galegas, tanto públicas como privadas, que buscan especializarse na materia. Está dirixido tanto ás persoas que se achegan por primeira vez ao financiamento comunitario, como a aquelas que queren profundar en programas específicos. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende o ano 2015, máis de mil persoas participaron en total nas 21 edicións que se levan celebrado ata o momento.

Consulta nesta ligazón a información sobre esta edición.

Máis información: Programa TecEuropa

Recapiti
María Sabarís