Inscríbete xa ao curso de financiamento comunitario TecEuropa

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— Organizado pola Fundación Galicia Europa, o curso celebrarase de maneira presencial en Bruxelas entre o 18 e 21 de novembro.

— O período de inscrición está aberto ata o vindeiro 30 de outubro

Bruxelas, 10 de outubro de 2025. A Fundación Galicia Europa abre o prazo de inscricións para a vixésimo terceira edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia organizado pola Fundación Galicia Europa. O programa celebrarase de maneira presencial en Bruxelas entre o 18 e o 21 de novembro e a asistencia é de balde. As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo ata o 30 de outubro a través do formulario web.

Ao longo de tres días, os asistentes terán acceso a unha visión integral das fontes de financiamento europeo dispoñibles e ás políticas europeas relacionadas con elas. O obxectivo é que os participantes aprendan a identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa ou Life. Tamén se poderán coñecer de preto as principais institucións comunitarias a través das visitas programadas á Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, así como ao Comité Europeo das Rexións.

As persoas interesadas en participar poden consultar toda a información do curso a través da páxina web da Fundación Galicia Europa.

Esta vixésimo terceira edición de TecEuropa está cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) grazas a un convenio asinado o mes pasado entre a Consellería de Facenda e a Fundación Galicia Europa.

Un decenio de TecEuropa

En 2015, a Fundación Galicia Europa puxo en marcha o curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa co obxectivo de proporcionar ao persoal técnico das entidades galegas unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da Unión Europea a través dos diferentes fondos e programas.

Coas máis de mil persoas que participaron en edicións anteriores, TecEuropa aspira tamén a afianzar en Galicia unha rede de técnicos en proxectos europeos que permita compartir experiencias e coñecementos, así como desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

Consulta nesta ligazón a información sobre esta edición.

Máis información: Programa TecEuropa

Recapiti
María Sabarís