Os líderes da UE apostan por reducir burocracia, abaratar a enerxía e impulsar o investimento
20/03/2025 | Consello Europeo
— Co obxectivo de aumentar a competitividade, o Consello chama a simplificar as cargas administrativas, máis protección fronte os altos prezos enerxéticos e unha verdadeira unión do aforro e o investimento
— Os primeiros ministros e xefes de Estado dos 27 celebran a intención da Comisión de presentar un pacto europeo dos océanos ambicioso, integral e orientado ao futuro
Bruxelas, 20 de marzo de 2025. Os líderes da Unión Europea apostan por reducir a carga burocrática innecesaria, reducir os custos da enerxía para cidadáns e empresas e converter o aforro dos europeos en investimento. Son algunhas das principais conclusións dun Consello marcado pola necesidade de acelerar a axenda económica e acadar unha UE máis competitiva.
En canto á simplificación e redución das cargas administrativas, os primeiros ministros e xefes de Estado dos 27 piden que se traballe a todos os niveis para contar cun marco regulador claro, sinxelo, intelixente e propicio á innovación. Entre outras medidas, solicitan á Comisión e aos colexisladores que traballen para reducir a burocracia en, polo menos, un 35% para as pemes e un 25% para o resto de empresas.
No ámbito da enerxía, lembran o seu compromiso de perseguir o dobre obxectivo da soberanía enerxética e a neutralidade climática de Europa de aquí a 2050. Para iso reclaman de maneira urxente que se intensifiquen as iniciativas dirixidas a proporcionar unha maior protección á cidadanía e ás empresas da UE fronte os altos prezos da enerxía, garantir a subministración de enerxía limpa e asequible e construír unha verdadeira unión da enerxía antes de 2030.
O Consello tamén salienta a importancia crucial de crear mercados de capitais europeos verdadeiramente integrados e máis profundos, mediante a realización urxente da unión dos mercados de capitais e a culminación da unión bancaria. Isto contribuirá a canalizar centos de miles de millóns de euros de novos investimentos cara a economía europea, axudando a impulsar a competitividade, a autonomía estratéxica e a seguridade económica da UE. Estas prioridades sustentaranse nunha nova e ambiciosa estratexia horizontal para o mercado único, que está previsto que se presente en xuño.
Costa: “Demos un paso adiante para crear máis traballo de calidade e reforzar industrias fundamentais”
En palabras do presidente do Consello Europeo, António Costa, os primeiros ministros e xefes de Estado da UE deron un paso adiante cara na simplificación burocrática, a redución dos custos enerxéticos e o impulso dos investimentos privados. O obxectivo, engadiu, é crear máis traballos de calidade e reforzar industrias fundamentais como a automoción, o aceiro e o metal, para asegurar que Europa se mantén como un continente de innovación e dinamismo tecnolóxico.
Pacto europeo dos océanos
Ante os actuais retos xeopolíticos e mundiais, os líderes dos 27 destacan, ademais, a importancia estratéxica dos océanos, a resistencia hídrica e a economía azul á hora de reforzar a competitividade e a resiliencia da Unión, a protección marítima e a sostibilidade e a protección ambientais, no contexto da tripla crise planetaria do cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade. Así as cousas, o Consello acolle favorablemente a intención da Comisión de presentar un pacto europeo dos océanos ambicioso, integral e orientado ao futuro. Para o presidente Costa, a competitividade e a sostibilidade son totalmente compatibles cando se fan ben as cousas.
Defensa, Ucraína e Oriente Próximo
Sen contar co visto e prace de Hungría, os outros 26 líderes volveron amosar o seu apoio a Ucraína logo de manter un novo diálogo co presidente do país invadido por Rusia. En conxunto, o Consello lamentou a ruptura do alto o fogo en Gaza e chamou a incrementar de maneira determinante a preparación de Europa en materia de defensa nos próximos cinco anos.
Os primeiros ministros e xefes de Estado da Unión tamén mantiveron un primeiro intercambio de impresións sobre o próximo marco financeiro plurianual e os novos recursos propios, fixeron balance dos avances en materia de migración, reiteraron a súa aposta polo multilateralsmo eficaz e a orde internacional baseada en normas e debateron a situación nos Balcáns Occidentais.
Fonte e máis información: